Aberto ao tráfico en dobre dirección o acceso ao casco histórico por Bispo Aguirre como paso previo á instalación do lector de matrículas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou hoxe a nova rede semafórica de control desta zona xa en funcionamento e mañá comezarán as obras na Porta de Santiago

O novo sistema de cámaras co que se substituirán os bolardos retráctiles estarán instalados e a modo de proba este mesmo mes en todos os accesos

A rexedora lembra que con esta modernización dos equipos se axilizarán as entradas e saídas rodadas e reduciranse os niveis de contaminación para protexer a zona histórica

Luns, 30 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Aberto ao tráfico en dobre dirección o acceso ao casco histórico por Bispo Aguirre como paso previo á instalación do lector de matrículas

O acceso ao casco histórico pola Porta de Bispo Aguirre xa está aberto desde esta mañá en dobre dirección unha vez que finalizaron as obras de remodelación e reordenación deste espazo e que comezou a funcionar a nova rede semafórica que controlará a zona.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou esta actuación, coa que se estableceu neste acceso dous carrís diferenciados: un de entrada, que transcorrerá pola marxe dereita, e outro de saída, pola esquerda da rúa e máis próximo á Muralla, que estarán regulados por semáforos

Esta obra na Rolda coa rúa Vilalba é a de maior entidade das que se desenvolverán no proxecto de  modernización dos accesos rodados ao casco histórico, coas que se substituirán os bolardos retráctiles actuais por cámaras de lectura das matrículas co fin de axilizar as entradas e saídas e reducir o tempo de estancia dos vehículos na zona amurallada.

Os pasos seguintes serán actuar na Porta de Santiago, obras que se inician mañá, pero que son de menor entidade, e a instalación das cámaras, que quedarán colocadas este mesmo mes a modo de proba. O novo sistema manterá as seis zonas de control de acceso existentes: a porta bidireccional da Rúa do Progreso; as portas de saída na rúa Amañá e Praza da Constitución e as de entrada en Luis Peña Novo, Porta de Santiago e na confluencia de Rolda da Muralla con rúa Vilalba. Esta última pasa a ser de dobre dirección ao igual que Porta Miñá.

A rexedora lembrou que con esta actuación “modernizamos Lugo pero, especialmente, coidamos a zona histórica e, polo tanto, tamén a nosa Muralla, que celebra xusto hoxe os seus 20 anos de Patrimonio de la Humanidade. Protexémola desde un punto de vista medioambiental, rebaixando as emisións de CO2 así como a contaminación acústica e de vibracións, que a están a danar, e seguimos avanzando nos piares do noso modelo de cidade, máis ecolóxica e amable”.

Cos novos controis, o Concello pretende tamén corrixir a picaresca actual, xa que as cámaras incorporarán de maneira automática o expediente sancionador de quen incumpre.

Os permisos de accesos se manterán, como até agora, para os  3.000 residentes que existen neste intre, así como para os vehículos de carga e descarga e os permisos especiais.

Noticias relacionadas