O Concello abre o prazo o luns para solicitar o préstamo de instrumentos da Escola Municipal de Música

Logo de que se publique este sábado no BOP (Boletín Oficial da Provincia) establécese o período de presentación de solicitudes do 23 de novembro ao 4 de decembro, ambos incluídos

Venres, 20 de novembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo abre a convocatoria do Banco de Instrumentos da Escola Municipal de Música para o curso 2026-2027, un servizo de préstamo dirixido ao alumnado do centro e orientado especialmente a facilitar a aprendizaxe musical ás familias con maiores necesidades económicas.
 
O banco dispón de instrumentos de distintas especialidades: bombardinos, clarinetes en Si bemol e Mi bemol, fagot, gaita práctica en Do, saxofóns altos, trombóns, trompas, trompetas, tuba e packs de percusión.
 
Quen pode solicitar un instrumento?
 
Poderá acceder ao préstamo o alumnado de pleno dereito da Escola Municipal de Música que cumpra os seguintes requisitos:
 
Estar empadroado no Concello de Lugo.
 
Non ter máis de cinco faltas na materia na que estea matriculado e contar con praza na especialidade directamente relacionada co instrumento solicitado.
 
Non ter débedas co Concello de Lugo.
 
Como presentar a solicitude?
 
As persoas interesadas deberán cubrir o modelo de solicitude e presentalo no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou a través dos medios previstos na normativa administrativa.
 
A solicitude deberá acompañarse da documentación indicada nas bases, entre ela unha fotocopia compulsada do DNI e o certificado de empadroamento no que consten as persoas que conviven no domicilio.
 
Criterios de adxudicación
 
A asignación dos instrumentos realizarase atendendo á situación económica familiar. As bases establecen un baremo que outorga maior puntuación ás unidades familiares con menores ingresos. En caso de empate, terá prioridade a renda per cápita máis baixa.
 
Cada alumno ou alumna poderá solicitar un único instrumento. O préstamo terá unha duración máxima dun curso académico, de outubro a xuño, e será necesario presentar unha nova solicitude para cada curso.
 
Prazo de presentación: do 23 de novembro ao 4 de decembro de 2026, ambos incluídos.
 
Documento
 

Noticias relacionadas