O CEI Nodus acolle a cinco estudantes de distintos ciclos de FP e de graos da USC para desenvolver as prácticas no vivero de empresas

A formación é parte dun convenio de colaboración entre o Concello de Lugo e os centros educativos, baixo á área municipal de Dinamización Económica.

Durante tres meses, o alumnado tomará contacto coas 23 empresas que actualmente traballan no viveiro do CEI Nodus, para axudar e formarse no proceso creativo dun proxecto emprendedor.

O edil Mauricio Repetto sinala que “con este convenio de colaboración promovemos a formación laboral entre a mocidade incidindo na cultura do emprendemento”.

Xoves, 26 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O CEI Nodus acolle a cinco estudantes de distintos ciclos de FP e de graos da USC para desenvolver as prácticas no vivero de empresas

O CEI Nodus recibiu esta semana a cinco estudantes en prácticas, tanto de ciclos de Formación Profesional como da USC, que durante tres meses recibirán formación práctica en ditas instalacións municipais e de xeito específico nos viveiros de empresas, co obxectivo de que os alumnos procedentes de diferentes ciclos e graos educativos adquiran coñecementos relacionados cos seus estudos, aplicándoos aos procesos creativos de proxectos emprendedores.

Dita formación responde a un convenio de colaboración entre o Concello de Lugo, en concreto desde a área de Dinamización Económica que dirixe o concelleiro Mauricio Repetto, e os distintos centros educativos, e que se leva desenvolvendo desde hai anos. Neste curso, dito acordo asinouse coa USC, para dous estudantes do Grao de Tecnoloxía e Empresa da USC; para outros dous do Ciclo Superior de Márketing e Publicidade, que se imparte no CIFP As Mercedes, e para unha alumna do Ciclo Superior de Administración e Finanzas, do IES Muralla Romana.

O concelleiro responsable desta área, Mauricio Repetto, sinala que “un ano máis renovamos este tipo de convenios que se levan facendo desde hai tempo, co obxectivo de mellorar a formación da mocidade, aproveitando a actividade municipal do CEI Nodus. As e os estudantes poderán ter contacto coas empresas que están actualmente no Viveiro de Empresas, o que cremos que pode favorecer a súa práctica, adaptar os coñecementos adquiridos ao mercado laboral actual, vendo casos reais de procesos creativos de proxectos emprendedores”.

Neste sentido, os e as estudantes que veñen de comezar as prácticas non remuneradas no CEI Nodus recibirán formación en aspectos referidos ao funcionamento da administración local, xestión de campañas publicitarias, marketing, ou novas tecnoloxías aplicadas aos negocios.

Na actualidade o viveiro municipal de Garabolos está a pleno rendemento e cunha ocupación do cen por cen, cun total de 23 novas empresas, en distintas fases de implantación, e pertencentes a moi diferentes sectores. Así, hai negocios de pastelería, novas tecnoloxías, informática, turismo, xestión de eventos, fotografía ou deseño de tatuaxes, entre outros.

Noticias relacionadas