Lara Méndez inaugura o maratón formativo ‘Lugo con Corazón’ animando á cidadanía a aprender o manexo dos desfibriladores

A alcaldesa sostén que “tan importante é contar con dispositivos en espazos públicos como saber utilizados, de aí a necesidade de poñer en marcha accións deste tipo”.

Esta actividade enmárcase na campaña posta en marcha polo executivo, a través da área de Benestar, para dar a coñecer o funcionamento destes dispositivos entre a veciñanza.

Ao longo do día, impartiuse formación de xeito simultáneo en diferentes zonas da cidade. Pola mañá, na Praza Maior e Horta do Seminario e, pola tarde, en 11 prazas e parques.

Venres, 27 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez inaugura o maratón formativo ‘Lugo con Corazón’ animando á cidadanía a aprender o manexo dos desfibriladores Maratón RCP LUGO CON CORAZÓN

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da concelleira de Benestar Social, Olga López, participou este venres na inauguración do maratón formativo ‘Lugo con corazón’, organizado polo executivo municipal, para formar á cidadanía no uso de desfibriladores. O Concello vén de instalar 67 novos DESA, co obxectivo de protexer á poboación, fóra do ámbito hospitalario, ante posibles infartos, mediante a dotación de desfibriladores en todas as dependencias municipais, así como en diferentes prazas e espazos de uso público, “o que nos converte na cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular ao triplicar o cociente español destes soportes vitais”, lembrou a rexedora.

Na xornada de hoxe tamén participaron o presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, Julián Pérez-Villacastín; o presidente do Colexio de Farmaceuticos, Alejandro Mª. Sánchez, o presidente e o secretario xeral do Colexio de Médicos, Eduardo Iglesias e Juan José López; a presidenta do Colexio de Enfermería, Lourdes Bermello; o xefe do Servizo de Cardioloxía do HULA, Carlos Juanatey; a coordinadora da Unidade de Arritmias e Electrofisiología do Servizo de Cardioloxía, Juliana Elices; o xefe de sección do Servizo de Cardioloxía, Ramón Ríos; o xefe de base do 061 de Lugo, Manuel Castro; o responsable da UCI, Diego Pastor; o presidente da Cruz Roja de Lugo, Luis Abelleira; e o presidente e secretario da Federación de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez e Luis Abel.

Lara Méndez explicou que “tan importante é contar con desfibriladores en espazos de traballo, educación, deporte, lecer ou tempo libre, que rexistran gran afluencia de persoas, como saber utilizalos; de aí a necesidade de poñer en marcha accións formativas, dirixidas tanto os traballadores municipais, como ao conxunto da veciñanza, co obxectivo de incrementar o número de persoas capacitadas para manexar estes dispositivos, fundamentais contribuír a salvar vidas”.

Durante a xornada deste venres, monitores especializados impartiron formación para o uso destes aparellos de xeito simultáneo en diferentes zonas da cidade. Pola mañá, na Praza Maior e Horta do Seminario e, pola tarde, en 11 prazas e parques. A formación incidirá nos seguintes aspectos: identificación dunha parada cardiorespiratoria; manobras de reanimación cardiopulmonar básica; que é un DEA?; quen pode empregalo?; que necesitamos saber?; funcionamento do equipo DESA e práctica.

Lugo con Corazón

A través do programa ‘Lugo con Corazón’, adquiríronse 67 novos desfibriladores, dos cales 47 foron instalados en diferentes dependencias municipais, tanto da zona urbana como rural, que até o momento non dispoñían deles. As ubicacións elixidas ofrecen diferentes servizos á cidadanía, polo tanto, estes dispositivos aumentarán a seguridade dos veciños e veciñas de Lugo, en facetas tales como a realización de trámites administrativos, traballo, deporte ou actos culturais, entre outros.

Tamén se dotou de 10 dispositivos móbiles aos vehículos da Policía e outros servizos de emerxencia, que poderán ser solicitados, de xeito puntual, polos colectivos e entidades da cidade. E, finalmente, esta semana levouse a cabo a instalación doutros 10 dispositivos que estarán a disposición dos usuarios, ante unha situación de emerxencia, nas prazas de A Milagrosa, Campo Castelo, Augas Férreas, O Castiñeiro, Fonte dos Ranchos, no entorno do parque Rosalía de Castro, da estación de ferrocarril e da ponte romana; así como nos ascensores de Fontiñas e do Sagrado Corazón.

Olga López explicou que “esta será a primera das accións formativas que levaremos a cabo dende o Concello para que os cidadáns poidan realizar un uso adecuado e eficaz dos desfibriladores e poder, deste modo, axudar a salvar vidas”.

“Nas vindeiras semanas darán comezo, así mesmo, os cursos de manexo de desfibriladores para os traballadores do Concello, e proximamente tamén poremos en marcha novas accións de cara ao conxunto dos lucenses, co obxectivo de que todos e todas as veciñas de Lugo que así o desexen poidan ser parte activa do programa Lugo con Corazón”, concluíu a concelleira.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Lugo con Corazón | Descargar mp3
  • A concelleira de Benestar Social, Olga López, sobre o Lugo con Corazón | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez inaugura o maratón formativo ‘Lugo con Corazón’ animando á cidadanía a aprender o manexo dos desfibriladores MARATÓN RCP LUGON CON CORAZÓN

Noticias relacionadas