Preguntas frecuentes sobre o Arquivo Municipal

O Arquivo Municipal conta cun depósito de 370 m2, que alberga 3.200 m lineais de andeis, ou o que é o mesmo, 24.000 caixas de arquivo, que conteñen miles de expedientes, ademais de libros, planos, fotografías e outros documentos.

Onde está o Arquivo Municipal?

No Centro de Servizos Municipais
Ronda da Muralla, 197
27002 Lugo, Lugo

Teléfonos: 982 29 72 49 e 982 29 73 29
Email: arquivo@lugo.gal

Que servizos presta o Arquivo Municipal?

Información

Nas oficinas do Arquivo Municipal proporcionámosche información personalizada sobre a procura que desexes realizar ou a documentación que queiras consultar.

Consulta de documentos

A consulta directa de documentación custodiada no Arquivo farase mediante solicitude e con cita previa, segundo as condicións de acceso.

A maioría de documentación anterior ao ano 1955 está en depósito no Arquivo Histórico Provincial de Lugo.

Servizo de reprografía

Podes solicitar copias da documentación que consultes, en papel ou dixitais, previo abono das taxas correspondentes e aceptando os procedementos e normas de reprodución de documentos.

Préstamos

Os préstamos de documentación só están dispoñibles para os distintos servizos do Concello de Lugo ou para a realización de actividades de difusión como exposicións.

Como acceder aos fondos do Arquivo Municipal?

Para solicitar información

Podes pedirnos información sobre unha consulta ou plantexarnos calquera dúbida a través dos números de teléfono e da dirección de correo electrónico que figuran no primeiro apartado.

Para consulta de documentación

Presenta unha solicitude a través da Sede Eléctronica do Concello de Lugo (lugo.gal) ou presencialmente no Rexistro Xeral do Concello. Para isto terás que pedir cita previa no propio Rexistro ou a través de internet (https://concellodelugo.gal/gl/solicitar-cita-previa). Unha vez recibamos a túa petición localizaremos a documentación e poñerémonos en contacto contigo para darche cita para a consulta.

Para copias de documentos

Despois de consultar a documentación podes solicitar as copias que necesites previo aboamento das taxas correspondentes. Unha vez que nos fagas chegar o xustificante de pagamento enviarémosche as copias dixitais ou darémosche cita para que veñas a buscar as copias en papel.

Cales son os requisitos de acceso ao Arquivo Municipal?

Para presentar a solicitude a través de Sede Electrónica precisarás de DNI electrónico ou calquera outro certificado que te identifique. No caso de solicitude presentadas presencialmente deberás adxuntar unha fotocopia do teu documento de identificación.

A consulta de documentos de arquivo históricos e de antigüidade superior a 50 anos é libre. Para acceder a licenzas de obra ou de actividade non incluídas no suposto anterior deberás acreditar a túa condición de interesado segundo a lexislación vixente. Para calquera dúbida neste sentido podes contactar connosco.

Que prezos e taxas se aplican?

Son os que están recollidos na Ordenanza Fiscal núm. 100 - Taxa por expedición de documentos administrativos, que podes consultar aquí: https://concellodelugo.gal/sites/default/files/documentos/adjuntos/2021/01/ordenanza_fiscal_100_taxa_por_expedicion_de_documentos_administrativos.pdf

O modelo de autoliquidación de taxas pola expedición de documentos administrativos é o seguinte: http://www.lugo.es/Modalidad3/Autoliquidacion?modelo=100 (Código 5: Planos e documentos de arquivo).

Como son as instalacións do Arquivo Municipal?

As oficinas do Arquivo Municipal atópanse no terceiro andar do Centro de Servizos Municipais localizado na Ronda da Muralla de Lugo. Alí terás un espazo habilitado para consultar a documentación ou facer a túa investigación.

Ademais conta cun depósito de 370 m2 que alberga en torno a 3.200 metros lineais de documentación, ou o que é o mesmo, unhas 24.000 caixas de arquivo definitivo, que conteñen miles de expedientes, ademais de libros, planos, fotografías e outros documentos.

Cal é a lexislación aplicable?

Marco español

  • Constitución Española de 1978, artigos 46, 105b e 148-149.
  • Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español, Título VII.
  • Real Decreto 111/1986, do 10 de xaneiro, de desenvolvemento parcial da Lei 16/1985.
  • Real Decreto 1708/2011, do 18 de novembro, polo que se establece o Sistema Español de Arquivos e se regula o Sistema de Arquivos da Administración Xeral do Estado e dos seus Organismos Públicos e o seu réxime de acceso.
  • Real Decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.
  • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
  • Lei 40/2015, do 1 de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público.
  • Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
  • Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.
  • Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local.
  •  Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais.

Marco galego

  • Estatuto de Autonomía de 1981
  • Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, Título VII, capítulo VII.
  • Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia.
  • Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, polo que se regula a composición e o funcionamento do Consello de Avaliación Documental de Galicia e o procedemento de avaliación e selección de documentos.
  • Decreto 25/2016, do 3 de marzo, polo que se regula a composición e o funcionamento do Consello de Arquivos de Galicia.
  • Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
  • Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia.