Xuventude presenta a súa nova programación, que inclúe un obradoiro de comunicación e un club de debuxo como principais novidades

O concelleiro Jorge Bustos sinala que “optamos por manter algunhas das máis demandadas como o curso de monitor de tempo libre e as rutas de sendeirismo”.

A Casa da Xuventude acollerá a maioría de actividades, que se desenvolverán de xeito gratuíto ata o mes de xuño, e para as que xa está aberto o prazo de inscrición.

Ponse a disposición da mocidade máis de 230 prazas para participar nas clases de zumba, ioga, cociña, debuxo, radiocontrol, excusións e xornadas de divulgación.

Venres, 14 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude presenta a súa nova programación, que inclúe un obradoiro de comunicación e un club de debuxo como principais novidades

A área de Xuventude e Deportes, que dirixe Jorge Bustos, presentou está mañá a súa programación ata o mes de xuño, que inclúe unha ducia de actividades, mantendo algunha das máis demandadas e de maior éxito noutras edicións e incorporando novidades, como poden ser o curso Lugo Comunica para mellorar a expresión, aprender as técnicas da elaboración de discursos e afondar na arte da oratoria, e o club de debuxo.

O edil de Xuventude, Jorge Bustos, sinalou a este respecto que “optouse por repetir algunhas das actividades de máis éxito noutras edicións como as rutas de sendeirismo ou o curso de monitor de tempo libre, co que os participantes poden conseguir un certificado oficial para exercer este traballo. Ao mesmo tempo, se incorporaron á programación algunhas novidades, como un club de debuxo e outro de comunicación e elaboración de discursos, como parte da oratoria, unha disciplina de total actualidade e cada vez máis demandada”.

Completan a programación gratuíta, para mozos e mozas de 14 a 35 anos, outras actividades como zumba, ioga, cociña, radiocontrol, excursións e xornadas de divulgación, que este ano se centrarán en dar a coñecer as propostas, tanto de ocio como laborais, da Ribeira Sacra. A maior parte destes cursos e clases comezarán ao longo dos meses de febreiro e marzo, para prolongarse ata o 15 de xuño. Toda a programación, horas e días para as distintas actividades así como os formularios de inscrición están xa dispoñibles na web do Concello de Lugo.

As instalacións da Casa da Xuventude acollerán a maior parte das actividades para as 230 prazas previstas. Se desenvolverán de acordo ás seguintes datas e horarios:

  •  Zumba: do 17 de febreiro ao 9 de xuño, con clases os luns, de 20.15 a 21.15 horas. 12 prazas.
  • Ioga: do 19 de febreiro ao 11 de xuño, con clases mércores, de 20.15 a 21.15 horas. 12 prazas.
  • Cociña: do 26 de febreiro ao 28 de maio, con clases dos mércores de 17.00 a 19.00 horas. 12 prazas. O curso inclúe o desenvolvemento de técnicas do denominado batch cooking, unha alternativa para unha alimentación saudable, que permite aforrar tempo e diñeiro, cociñando nunhas poucas horas a comida para toda a semana laboral. Tamén se impartirán técnicas propias da cociña vegana e de repostería tradicional e internacional.
  • Club de Debuxo e Cómic: do 2 ao 30 de abril, con clases os mércores de 19.00 a 21.00 horas. 15 prazas. O Curso estará composto de cinco sesións nas que se abordarán distintas técnicas para debuxar, pintar en gran formato, crear cómics, bandas deseñadas ou debuxo urbano, entre outras propostas artísticas e creativas.
  • Torneo Lugo Debate 2025: do 3 ao 5 de abril, o Campus de Lugo da Universidade de Ciencias e Administración e Dirección de Empresas acollerá o Torneo Lugo Debate 2025, impulsado pola asociación Más Debate, co apoio do Concello de Lugo. Agárdase a participación de arredor de 200 rapaces e rapazas de Secundaria, Bacharelato e universitarios de toda Galicia neste evento, no que a oratoria será a protagonista.
  • Monitor de tempo libre: do 7 de marzo ao 11 de maio, a Casa da Xuventude acolle este curso co que se obtén o certificado oficial. As clases terán lugar os determinados venres de marzo, abril e o 2 de maio, das 16.30 ás 21.30 horas; sábados de marzo, abril e maio de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.30; e domingos entre marzo e maio, no mesmo horario. Hai 25 prazas e as inscricións pódense realizar ata o 3 de marzo.
  • Obradoiro de Radiocontrol: do 1 de marzo ao 10 de maio, o circuíto de Frigsa acolle todos os sábados, de 11.00 a 13.00 horas esta actividade para a que hai dispoñibles 24 prazas.
  • Sendeirismo: rutas polo municipio de Lugo e polo resto de Galicia, de dificultade media-baixa e con percorridos de entre 13 e 25 quilómetros. As actividades se desenvolverán preferentemente os sábados, en horario de 8.30 da mañá a 18.30 da tarde, sempre con saída desde a Casa da Xuventude, ben a pé ou en autobús. As datas e os destinos publicaranse proximamente. 26 prazas.
  • Lugo Comunica: do 26 de febreiro ao 4 de xuño, con clases para mellorar a expresión, elaborar discursos e facer presentacións terán lugar os mércores de 19.00 a 21.00 horas.  20 prazas.
  • Un día na neve: actividade con saída e chegada dende a Casa da Xuventude, con data pendente de confirmación, en función das condicións climáticas. 45 prazas.
  • Xornada de divulgación da Ribeira Sacra: actividade destinada a coñecer as posibilidades de emprego e laborais da zona, cun obradoiro de poda, de embotellado, etiquetado e visita ao socalcos e viñas, ademais de descubrir as alternativas de ocio da zona da Ribeira Sacra. Saída as 15.00 horas e chegada, ás 21.00 horas, o vindeiro 21 de marzo. 30 prazas.

Xa está aberto o prazo para inscribirse en todas estas actividades na páxina web de Xuventude https://formulario.xuventudelugo.gal, onde tamén pódese atopar toda a información referente a datas, horarios e programación.

Audio

  • O edil de Xuventude, Jorge Bustos, sobre a programación de Xuventude | Descargar mp3

Noticias relacionadas