A Xunta Local de Seguridade reuniuse para preparar e coordinar o dispositivo do Arde Lvcvs e os Xogos do Eixo

Estivo presidida pola Alcaldesa, Lara Méndez, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo

A rexedora informou de que durante os tres días da festa de recreación romano castrexa haberá un total de 84 efectivos de reforzo da Policía Local e unha dotación permanente de bombeiros na Praza Maior

Martes, 20 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta Local de Seguridade reuniuse para preparar e coordinar o dispositivo do Arde Lvcvs e os Xogos do Eixo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, copresidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade para preparar e coordinar o dispositivo, tanto do Arde Lvcvs, que terá lugar os días 30 de xuño e 1 e 2 de xullo, como dos Xogos do Eixo, que se celebrarán do 4 ao 9 do mes que vén. Nesta reunión tamén participou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto con mandos da Policía Local, Autonómica e Nacional, así como de Protección Civil e Bombeiros.

O obxectivo deste encontro foi establecer as formas e os procedementos necesarios para conseguir unha coordinación eficaz entre as distintas forzas e corpos de seguridade para que os diversos actos programados, máis de 300, discorran sen ningún tipo de incidentes. Nos vindeiros días celebraranse distintas reunións técnicas entre as diferentes forzas de seguridade.

A Alcaldesa informou de que durante a festa de recreación romano castrexa haberá un total de 84 efectivos de reforzo, con quendas que irán dende os 16 aos 28 efectivos. Así mesmo, xunto ás quendas ordinarias do servizo de Bombeiros, situarase unha dotación de maneira permanente na Praza Maior de catro efectivos.

Seguridade cidadá

Por outra banda e aínda non estando incluído na orde do día, a Alcaldesa amosou na Xunta Local de Seguridade a súa preocupación polos últimos casos de violencia ocorridos na cidade, destacando o déficit de efectivos que padecen as forzas e corpos de seguridade debido aos recortes, e o “sobreesforzo” que fai a Policía Local para velar da mellor e máis eficaz maneira posible pola seguridade da cidadanía lucense. Neste senso, destacou que no que vai de ano, os axentes da Local realizaron un total de 91 reforzos, o equivalente a tres meses. A Alcaldesa solicitou o “mesmo esforzo e colaboración” por parte do resto de administracións para garantir a seguridade.

Noticias relacionadas