Rubén Arroxo: “desde a concellería de Infraestruturas Urbanas estamos a unificar este tipo de contratos para aforrar cartos ás veciñas e veciños”
A Xunta de Goberno aprobará as bases para as axudas de libros de texto e material escolar

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que a Xunta de goberno de mañá aprobará a adxudicación do prego de mantemento dos edificios municipais. Segundo Rubén Arroxo, “seguindo a liña de outros contratos realizados pola concellería de Infraestruturas Urbanas, unificamos todos os traballos de mantemento dos distintos edificios municipais, o que nos permitirá aforrar cartos ás veciñas e veciños ao mesmo tempo que se realizará o mantemento dos distintos edificios de maneira máis rápida e eficiente”.
No contrato inclúense as pequenas reparacións de cubertas, albañilería, cerraxaría, carpintería, cristalería, pintura e reparacións de mobiliario de todos os edificios municipais. Segundo Rubén Arroxo, “as reparacións realizaranse como máximo dous días despois de ser notificadas á empresa, e no caso de ser urxentes deberase comezar a reparar en dúas horas”.
Axudas a Material Escolar
A Xunta de Goberno aprobará tamén as bases das axudas para libros de texto e material escolar que anualmente concede a Concellería de Educación. Arroxo lembrou que “o Concello realiza un importante esforzo económico para que as familias con baixos recursos poidan contar con estas axudas, mais é importante lembrar que as competencias en educación son da Xunta de Galiza, e desde o Concello de Lugo continuaremos a reclamar que as asuma”.
Audio
- O edil Rubén Arroxo, sobre a Xunta de Goberno| Descargar mp3