A veciñanza goza do Paseo do Rato, alumeado por Concello e Deputación

A Alcaldesa e o Presidente, xunto a un cento de veciños, acenderon este venres o alumeado público no Paseo Fluvial do Río Rato e a estrada LU-P-2925

Este proxecto contou cun investimento de 750.000 euros. Actuouse nun treito de 7 quilómetros, entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón, no que se situaron 283 puntos de luz LED. Son 103 luminarias na estrada e 147 no paseo fluvial

Este proxecto conlevou máis medidas de seguridade na estrada, pois, xunto aos 103 puntos de luz que se instalaron no vial, tamén se situaron 1.466 metros de biondas de seguridade e mellorouse o firme con slurry, un material adherente e antiesbarante

Venres, 28 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A veciñanza goza do Paseo do Rato, alumeado por Concello e Deputación

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, xunto a un cento de veciños e veciñas, acenderon este venres o alumeado no Paseo Fluvial do Río Rato e a estrada LU-P-2925, un proxecto que contou cun investimento de 750.000 euros.

Actuouse nun treito de 7 quilómetros, entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón, no que se situaron 283 puntos de luz ecolóxicos (LED). Son 103 luminarias na estrada e 147 no paseo fluvial, dos que 3 son proxectores para o túnel que hai debaixo da rotonda que comunica con dito parque. A intensidade dos puntos de luz oscila entre os 179 vatios e os 12,5, tendo en conta a súa ubicación para respectar o medio ambiente. Tamén para reducir o impacto ambiental, hai 252 farolas de color neutro. A distancia entre as mesmas é de 25 metros no paseo e de 30 na estrada. As do paseo teñen 1 punto de luz e nalgunha da estrada dobre luminaria.

Dotouse a zona duns 20.000 metros de cableado de aluminio e non de cobre. Hai un sistema informático, cuxas probas de funcionamento se farán primeiro dende a Axencia Provincial da Enerxía, e logo xestionará o Concello de Lugo, para regular a intensidade luminosa, aforrar custos ao poder adaptar a luz ás condicións climatolóxicas, e garantir a luminosidade. Nunha pantalla o municipio lugués poderá controlar o correcto funcionamento de cada un dos 283 puntos de luz.

Despois do slurry, novas medidas de seguridade na estrada

Este proxecto conlevou máis medidas de seguridade na estrada LU-P-2925, pois, xunto aos 103 puntos de luz que se instalaron no vial, tamén se situaron 1.466 metros de biondas de seguridade. Aplicouse neste vial slurry, un material adherente e antiesbarante, que se pon nas autovías, que impermeabiliza o firme, mellora a evacuación de augas e dota á estrada dunha maior adherencia. Está composto por alcatrán, emulsión asfáltica, auga, aditivos, cemento e áridos.

Permisos

Para executar o proxecto de iluminación do Paseo do Río Rato tivéronse que conseguir 8 autorizacións imprescindibles segundo a lei por parte de distintas administracións, o que provocou demoras nos traballos. Estas foron as seguintes: avaliación de impacto ambiental, incidencia ambiental, permiso de conservación da natureza e autorización de urbanismo por parte da Consellería de Ordenación do Territorio e do Medio Ambiente; permiso da unidade de estradas do Ministerio de Fomento; autorización de Adif, licenza de obras do Concello e, finalmente, autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Outros 3,5 millóns de euros

Sen ter en contra o proxecto de alumeado de case 750.000 euros, Concello e Deputación de Lugo levan executado múltiples actuacións para o impulso do cinturón verde da capital e que superan os 3,5 millóns de euros. Por exemplo, a recuperación de 32,5 quilómetros de 3 rutas de sendeirismo (no Paseo do Rato, de Lugo ao Piago e na Fervenza); a construción de dous parques infantís, a mellora da escola de piragüismo, o acondicionamento da zona dos Robles, o conxunto de melloras no Paseo do Rato, a recuperación do Hotel Miño, así como as actividades de impulso do termalismo, acuáticas no Miño, de artesanía no Centro de Cestería ou as medioambientais e lúdicas no Centro de Interpretación de Terras do Miño, nas que participan de balde máis de 1.700 persoas ao ano.

Multimedia

  • A veciñanza goza do Paseo do Rato, alumeado por Concello e Deputación
  • A veciñanza goza do Paseo do Rato, alumeado por Concello e Deputación

Noticias relacionadas