Urbanismo finaliza o proxecto de expropiación que permitirá desdobrar e humanizar a avenida Infanta Helena

A Xunta de Goberno Local aprobaba definitivamente esta mañá o expendiente

A ocupación, que terá un custo total para o Concello de 136.302’23 €, afecta a 5.508’61 m², agrupados en 65 parcelas, pertencentes a outros tantos propietarios

A estimación de varias alegacións obrigou a modificar o proxecto de expropiacións que tamén se dilatou no tempo debido aos condicionantes da pandemia

Mércores, 16 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo finaliza o proxecto de expropiación que permitirá desdobrar e humanizar a avenida Infanta Helena

A área de Urbanismo Sostible daba traslado esta mañá á Xunta de Goberno Local do proxecto de expropiacións que permitirá desdobrar a avenida Infanta Helena para proceder á súa aprobación definitiva.

Conclúe así un procedemento que se foi dilatando no tempo, principalmente, pola magnitude do propio expediente.

“A ocupación afecta en total a 5.508’61 m² nos que se concentran un total de 65 parcelas, (das que 32 só se ocuparán temporalmente), pertencentes a outros tantos propietarios o que conlevou non só a realización de varios estudos topográficos sobre a zona, co fin de concretar a extensión exacta, senón tamén un traballo de localización e notificación inxente”, explicou Miguel Couto.

O responsable de Urbanismo indicou tamén que, logo de que a Xunta de Goberno Local aprobase o pasado 4 de marzo (xusto antes da declaración do Estado de Alarma) o expediente coa taxación conxunta dos bens, a crise sanitaria pospuxo ata xullo o proceso de exposición pública, que rematou o último trimestre do ano coa presentación de dez alegacións.

“Dúas das consideracións que recollían eses escritos foron estimadas na súa totalidade e outras cinco parcialmente o que motivou a necesidade de modificar o proxecto que se elevou hoxe á Xunta de Goberno e que contempla un pequeno incremento de case 67 m² da superficie, con respecto á estimación inicial, que se expropiarán pola vía forzosa - sinalou o edil – variando tamén o custo total que asume o Concello e que se sitúa en 136.302’23 €”.

Couto indicou que “o proceso continuará agora coa notificación do acordo a cada un dos afectados, e a súa citación nunha data concreta na que se formalizará a acta de pago e a ocupación municipal co fin de cederlle logo eses predios á Deputación Provincial para que poida comezar as obras canto antes.”

O desdobramento de Duquesa de Lugo suporá, ademais da ampliación da calzada, que se gañen espazos para o esparexemento público

O concelleiro lembrou que a actuación contempla unha ampliación da calzada para dotala de dous carrís de circulación en cada sentido, con itinerarios peonís accesibles en ambas marxes e carril bici, para o que se terán en conta os tramos xa urbanizados, tanto da propia vía como das rúas que se cruzan con ela, incluíndo solucións de mobilidade sustentables e efectivas que concilien a transeúntes e ciclistas.

Disporá, así mesmo, de servizos como abastecemento, saneamento e iluminación pública, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras como pode ser o desenvolvemento de solo urbano non consolidado e do chan urbanizable previstos no PXOM.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a aprobación do proxecto de expropiación da Duquesa de Lugo | Descargar mp3

Noticias relacionadas