Un total de 18 empresas presentaron propostas para a urbanización da parcela do novo hospital

Luns, 19 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os técnicos municipais avaliarán cada unha das propostas para a súa adxudicación

O Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, informou este luns, día 19 de novembro, que o pasado venres celebrouse unha mesa de contratación na que se abriron as plicas de cada unha das empresas que se presentaron para o proxecto de licitación das obras de urbanización perimetral da parcela do novo hospital.

Un total de 18 empresas construtoras presentaron propostas para este proxecto que comprende a construción dos seus viais perimetrais. O Concello de Lugo destinará un orzamento de 2.396.792 euros para acometer as obras “máis importantes que asume este Concello, tanto polo seu presuposto como pola súa finalidade”, salientou o edil.

José Piñeiro explicou que os técnicos municipais xa comezaron a avaliar cada unha das propostas presentadas para a adxudicación definitiva do proxecto. As ofertas presentadas ofrecen rebaixas sobre o presuposto de licitación que varían entre o 14% e o 25% e establecen prazos de execución que oscilan de 5 a 9 meses.

Os traballos de urbanización perimetral da parcela do novo hospital inclúen a construción de dous viais de 24 metros de ancho con doble carril en cada sentido de circulación. Estes viais estarán dotados de carrís de circulación de 3,5 metros de ancho e de beirarrúas que terán 3 ou 5 metros de ancho segundo a zona e contarán con dúas glorietas nas interseccións. En total o Concello dotará ao novo hospital con 1.145 metros cadrados de viais.

Este proxecto corresponde á primeira fase da urbanización perimetral da parcela que se completará coa segunda fase na que se ampliarán os viais para unilos coa Ronda Este. O proxecto da segunda fase está pendente de que o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia firmen un convenio para amplialos. Unha vez asinado sacarase a licitación, que contará cun presuposto de 1.300.000 euros financiado ao 50% por ambas administracións e será executado polo Concello de Lugo.

O edil destacou que o proxecto “non se limita a dotar de vías de circulación e zona de aparcadoiro, senon que busca humanizar o contorno do hospital polo que se dotará de bancos, árbores, iluminación e demais mobiliario urbano”.

José Piñeiro explicou que o proxecto municipal prevé a construción de cen prazas para aparcar que completarán ao aparcadoiro interior que leva o propio edificio do hospital e que se destinará ao persoal sanitario e aos familiares dos pacientes ingresados. De todos os xeitos, o concelleiro engadiu que “o proxecto neste campo é flexible e negociarase cos responsables da obra do Sergas o espazo para que as dársenas de aparcadoiro den un servizo suficiente aos usuarios do centro hospitalario”.

O concelleiro sinalou que a proposta das obras centranse en dous etapas fundamentais: por unha parte, os traballos para a dotación de infraestruturas como o abastecemento do auga, o saneamento, as telecomunicacións e o suministro de Gas Natural, que xa están rematados; e doutra banda, o proxecto de urbanización perimetral da parcela.

Para o suministro de enerxía eléctrica o edil explicou que se construirá unha nova subestación eléctrica que irá situada por detrás da A6 e que dará servizo ao hospital e a outras zonas de Lugo.

O edil estimou que as obras de urbanización da parcela do novo hospital estarán rematadas a finais do ano 2008.

Noticias relacionadas