A Tenencia de Alcaldía continúa coas melloras na cidade cun novo asfaltado nas rúas Armórica e Mariña Española

Rubén Arroxo: "Seguimos traballando para garantir a seguridade viaria traballando nun firme axeitado nas distintas zonas de Lugo e avanzando no calmado do tráfico".

Os traballos comezarán o martes 28 e teñen unha duración aproximada de 4 días.

Domingo, 26 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tenencia de Alcaldía continúa coas melloras na cidade cun novo asfaltado nas rúas Armórica e Mariña Española

O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que nos vindeiros días comezarán os traballos de renovación do firme nas rúas Armórica e Mariña Española. A actuación centrarase na rúa Armórica no treito entre o número 48 e Rúa Vicente Risco, e na rúa Rúa Marina Española entre a Avenida Ramón Ferreiro e a Rúa Armórica. Arroxo explicou que "son zonas que contan cun firme moi desgastado e é preciso intervir para garantir a seguridade viaria, ao avanzar tamén na instalación de elementos de calmado do tráfico e o bo estado dos espazos públicos".

Arroxo afirmou que "desde a Tenencia de Alcaldía seguimos traballando para mellorar os espazos públicos, planificando os traballos en base ás visitas aos barrios e ás reclamacións da veciñanza", e explicou que os traballos consistirán na instalación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, e na renovación da sinalización horizontal unha vez rematen os traballos. Ademais, na rúa Armórica instalarase un novo elemento de calmado do tráfico.

Os traballos de renovación da capa de rodadura, que teñen unha duración prevista de 4 días, comezarán o vindeiro martes, 28 de outubro. Para a execución dos traballos faise necesario en Rúa Armórica, entre o número 48 e Rúa Vicente Risco, e en Rúa Marina Española, entre Rúa Armórica e Avenida Ramón Ferreiro, ocupar todo o ámbito da calzada, as prazas de estacionamento e os carrís de circulación existentes. Terase que  interromper así a circulación de vehículos na zona. Terase polo tanto que derivar o tránsito de vehículos que transcurre por Rúa Armórica por Rúa Cornubia e Rúa Escocia, e cortar a entrada dende Avenida Ramón Ferreiro cara o tramo afectado de Rúa Marina Española. Estando cortado o acceso á Rúa Fernando Esquío dende Rúa Marina Española, disporase esta de dobre sentido de circulación con entrada, a vez que saída, dende Rúa Armórica. As modificacións no tráfico rodado sinalizaranse co obxectivo de que esta obra supoña a menor incidencia posible no día a día da veciñanza.

En canto aos accesos aos garaxes, manteranse o maior tempo posible, sempre que as características da obra non o impidan, ben pola tipoloxía dos traballos puntuais que se van realizar ou por exemplo: para a execución de pavimentos coincidentes con entradas e saídas de vehículos onde se requira un tempo de execución e/ou secado, etc. Nestes casos, a empresa indicará claramente, coa suficiente antelación, mediante a disposición de carteis e sinais regulamentarios tanto nos accesos rodados de garaxes como nas portas peonís dos edificios atendidos por estes garaxes, as datas nas que non se poderá acceder ou saír deles.

Multimedia

  • A Tenencia de Alcaldía continúa coas melloras na cidade cun novo asfaltado nas rúas Armórica e Mariña Española

Noticias relacionadas