Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitaron á artista que remata hoxe a súa estadía nesta instalación cultural.
Maite Ferreiro: "este programa consolida o apoio da área de Cultura ao sector da danza, ofrecendo espazos e tempos para investigar, crear e compartir coa veciñanza".

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitaron á bailarina Suevia Rojo, que remata hoxe a súa residencia artística no Vello Cárcere, dentro do ciclo das Residencias Paraíso organizadas polo colectivo RPM en colaboración coa área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Maite Ferreiro destacou o programa das Residencias Paraíso como "un importante apoio ao sector das artes do movemento, facendo fincapé na primeira fase de investigación e creación de espectáculos, ofrecendo tamén canles de diálogo coa veciñanza". Ferreiro lembrou que este programa forma parte da estratexia municipal de apoio ás artes do movemento, en diálogo con outras iniciativas como o Festival Cartografía en Movemento ou o Ciclo LED – Lugo En Danza.
Suevia Rojo é unha bailarina e performer freelance, nacida en Santiago de Compostela en 2002. Mudouse a Porto aos catorce anos para dar continuidade aos seus estudos en danza. Entre 2020 e 2022 estudou en Performact, un programa intensivo de dous anos onde tivo a oportunidade de traballar con varios artistas internacionais e onde comezou a desenvolver a súa propia identidade na danza e na performance. Entre os seus traballos máis recentes tanto como creadora e/ou intérprete atópanse "A Água vai e vem e dança também" en colaboración con Frederica Campos no ámbito de Contrapartituras - Bolsa de creación do Quarteto Contratempus; presentación do solo “Longa Exposición” - Festival Singularidades/Açores con apoio da DGArtes; bailarina na peza “HIDE TO SEEK” de Júlio Cerdeira no marco de Palcos Instáveis - Teatro Municipal do Porto; presentación do solo de danza “Pensar a Contratempo” no marco do apoio bianual do festival ABANEA - Galicia; intérprete na peza “O que se Esconde no Silêncio” - RÉPTIL en co-producción co Teatro Constantino Nery e o CineTeatro de Gouveia e co apoio da DGArtes.
A súa investigación artística explora como o corpo pode ser abordado como un espazo de memoria, creando un diálogo interno entre estados físicos e emocionais. A través do movemento, investiga a conexión entre conciencia e instinto, transformando a vulnerabilidade en forza e a experiencia interna en forma física.
En Lugo, desenvolveu o seu proxecto "Incorpórea", un chamamento a recoñecerse por dentro, de auto-investigación e auto-cuestionamento sobre o que fai definirse a un mesmo. Trátase de mirar esencialmente cara adentro, onde as diferentes capas que compoñen a conciencia sobre un mesmo se revelan como mapas vivos de experiencias, desexos e contradicións constantes, sendo a intersección entre o que sentimos e o que pensamos ser.


