O estudo, elaborado polo Consello Galego de Accesibilidade, analizou máis dunha vintena de instalacións municipais e cualificou a súa accesibilidade seguindo os criterios da lexislación estatal e galega.
Arroxo: "A accesibilidade é algo no que sempre hai que estar traballando, agora temos unha folla de ruta que nos permite seguir a mellorar a cidade".
Dos 22 edificios analizados, 2 obteñen a etiqueta verde (cumprimento total coa normativa), 13 a amarela (accesible, máis non todo o edificio cumpre coa normativa) e 7 a vermella (espazos que non son accesibles).
- Tema

O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado por Pablo González, do Colexio de Arquitectos Técnicos da Coruña, Javier Núñez, do colexio de Lugo, Antonio Arias, de Pontevedra e José Grandío, do Consello Galego de Accesibilidade, presentaron un estudo de accesibilidade realizado nas instalacións públicas de Galiza. Arroxo anunciou que se trata dunha iniciativa proposta polo Colexio de Arquitéctos técnicos e afirmou que "estamos orgullosos de que Lugo fose a primeira parada deste plan piloto".
A Tenencia de Alcaldía recibiu nos últimos días os resultados dos 22 edificios analizados, onde se rexistran as deficiencias atopadas "e as posibles solucións, moitas veces cuestións moi pequenas e fácilmente realizables que nos permiten seguir a mellorar a accesibilidade dos edificios públicos", afirmou Arroxo, que engadiu "a accesibilidade é algo no que sempre hai que estar traballando, agora contamos cunha folla de ruta ben definida por onde podemos seguir avanzando".
O Consello Galego de Accesibilidade realizou en Lugo a primeira experiencia grazas á colaboración da Tenencia de Alcaldía, que facilitou que o persoal dos Colexios auditar atodas as instalacións municipais desde o punto de vista da accesibilidade. Cos datos obtidos, crearon un sistema de catalogación por etiquetas, comezando coa etiqueta branca, que permite a accesibilidade universal completa, e que malia que ningún edificio obtivo, preséntanse pequenas modificacións que permitirían avanzar á cualificación máis complicada de todas.
No seguinte chanzo atópase a etiqueta verde, cualificación que obtiveron o auditorio Fuxan os Ventos e a Piscina Municipal de Frigsa. Estes edificios cumpren cos requisitos esenciais de accesibilidade, permitindo un uso maioritariamente autónomo por parte das persoas usuarias. Estes edificios contan con acceso principal accesible, itinerarios interiores con tránsito sinxelo, ramplan con criterios normativos, ascensores e asesos practicables e aparcadoiros reservados para persoas con mobilidade reducida.
No terceiro lugar atópase a etiqueta amarela, edificios onde faltan elementos como ramplas, ascensores, aseos accesiblesw ou prazas reservadas. Son espazos que permiten o uso parcial con certas limitacións, sendo necesaria a asistencia en determinados puntos. O propio estudo fai propostas para mellorar estes edificios. Recibiron esta catalogación o Centro de Servizos Municipais, o Vello Cárcere, a Casa do Concello, o Museo Provincial, a Praza de Abastos, o centro social Uxío Novoneyra, o Auditorio Gustavo Freire, o Centro Social A Milagrosa, o Centro de Convivencia de Fingoi, a Casa das Linguas María Balteira, o Centro de Dinamización Social Lamas de Prado, a Casa da Xunventude e a Piscina Municipal das Pedreiras.
Por último, a etiqueta vermella agrupa os espazos que non cubren os requerimentos mínimos de accesibilidade en cuestións como o acceso principal os itinerarios interiores. Nesta catalogación están a Oficina Municipal de Turismo, a Casa dos Mosaicos, Porta Miñá, o Centro Arqueolóxico de San Roque, o Cemiterio Municipal e os centros de convivencia Maruja Mallo e Sagrado Corazón
Pablo González, usuario de cadeira de rodas e técnico que participou na elaboración do estudo, afirmou que Lugo é é unha cidade bastante cómoda, que obviamente sempre ten puntos de mellora, pero levamos unha unha grata imaxe polo momento".
O Consello Galego de Accesibilidade continuará a auditar outras cidades galegas, como Pontevedra e Vigo, e no acto de hoxe anunciaron que o obxectivo é continuar en vindeiras fases coa creación dunha aplicación que permita ás persoas con mobilidade reducida coñecer de antemán o estado da accesibilidade nos distintos edificios.
Audios
- O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre a rolda de prensa sobre accesibilidade | Descargar mp3
- Pablo González, representante do Colexio de Arquitectos Técnicos da Coruña, sobre a rolda de prensa sobre accesibilidade | Descargar mp3
- Javier Núñez, representante do Colexio de Arquitectos Técnicos de Lugo, sobre a rolda de prensa sobre accesibilidade | Descargar mp3


