A Tenencia de Alcaldía está a actuar en 7 vías da zona, renovando o pavimento con asfalto en quente e formigón onde non sexa posible esta solución, investindo máis de 80.000€.
Rubén Arroxo: "Seguimos atendendo aos barrios e zonas periurbanas garantindo o benestar de todas as veciñas e veciños de Lugo".

O Tenente de Alcaldesa, Rubén Arroxo e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron un encontro con veciñas e veciños de San Fiz, onde vén de comezar o asfaltado de 7 vías da contorna. Arroxo destacou que "con esta actuación continuamos a traballar nas zonas periurbanas de Lugo, garantindo o benestar das veciñas e veciños de toda a cidade", e afirmou que os traballos permitirán "renovar vías co pavimento deteriorado e garantir a boa calidade e a boa imaxe da rede de vías urbanas municipal".
O Goberno de Lugo actuará nas seguintes vías: Corredoira entre as vivendas 23, 23, 22 e 19, Pista de acceso ao Camiño da Igrexa, 32, Camiño da Costa, Pista de acceso á Igrexa, Pista de acceso aos chalés, Acceso á Tolda e Rúa das Laxes. Nos treitos que actualmente conten con asfalto en quente, reconstruirase o paquete de firme en todo o seu espesor, para evitar que os defectos da capa base podan chegar a afectar á capa de rodadura. Instalarase unha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará un selado do firme ante a acción da auga superficial e asegurará unha prolongada duración da actuación.
Audio
- O Tenente de Alcaldesa, Rubén Arroxo, sobre a xuntanza de San Fiz | Descargar mp3



