A Policía Local levanta acta de infracción a 24 vehículos abandonados nas rúas da cidade

Xoves, 16 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Policía Local levanta acta de infracción a 24 vehículos abandonados nas rúas da cidade

A Policía Local trasladaba hoxe á alcaldesa de Lugo o balance das últimas actuacións desenvolvidas en materia de localización e denuncia de vehículos abandoados nas rúas da cidade.

Lara Méndez acompañaba esta mañá ao inspector da Xefatura nas terefas de comprobación que os axentes levaron a cabo a primeiras horas da xornada.

Durante o percorrido, Jesús Piñeiro comunicoulle á rexedora que, en total, no transcurso do operativo desenvolvido dende o mes de decembro polos efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio e Axentes de Mobilidade, levantáronse 24 actas de infracción de automóbiles abandonados nas vías públicas, detectando que algúns deles presentan danos que fan imposible o desprazamento polos seus propios medios e a maioría carecen de Seguro Obrigatorio (SOA) e teñen a Inspección Técnica caduca.

Os vehículos detectados con signos de abandono son 17 turismos e 7 furgonetas.

Ditas actas remitiranse agora ao órgano competente da Administración Local para que se instrúa o oportuno expediente e se ordene a retirada do vehículo, previo requirimento ao seu titular advertíndolle que, de non proceder á mesma no prazo establecido, será trasladado a un Centro Autorizado de Tratamento.

Toda a tramitación iníciase unha vez que, segundo estabece o artigo 106 da Lei de Seguridade Vial, se comproba que o vehículo permanece estacionado no mesmo lugar por un tempo superior a un mes, presenta desperfectos que lle impiden traslardarse con autonomía, ou carece das placas de matrícula.

A Policía Local continuará desenvolvendo esta campaña, iniciada xa durante o verán, de forma continuada dentro do labor ordinario deste Corpo de seguridade.

Noticias relacionadas