Paula Alvarellos recibe ao novo presidente da Asociación Española contra o Cancro en Lugo

A rexedora destacou o labor de Mariluz Abella á fronte da entidade durante nove anos e desexoulle “moito éxito” a José Manuel Rozas na nova etapa.

Luns, 03 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos recibe ao novo presidente da Asociación Española contra o Cancro en Lugo

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu na Casa do Concello a José Manuel Rozas, recentemente nomeado presidente da Asociación Española contra o Cancro en Lugo, acompañado da súa antecesora, Mariluz Abella. A rexedora agradeceu o compromiso de Abella durante os últimos nove anos, nos que a asociación reforzou os seus servizos, ampliou a base de socios e impulsou numerosas iniciativas de concienciación e recadación de fondos.
 
“A súa dedicación foi clave para que a AECC teña hoxe máis presenza e chegue a máis persoas en toda a provincia”, subliñou Alvarellos, poñendo en valor o traballo realizado polo colectivo para mellorar a atención ás persoas enfermas e ás súas familias.
 
Coincidindo coa proximidade do Día Mundial contra o Cancro, a rexedora puxo o foco na importancia da prevención e da investigación para aumentar as taxas de supervivencia. “A loita contra o cancro require o compromiso de toda a sociedade, desde as institucións ata a cidadanía, para garantir avances en detección temperá, tratamento e apoio ás persoas afectadas”, afirmou. Así mesmo, defendeu a necesidade dunha sanidade pública forte e con recursos suficientes para asegurar o acceso equitativo aos coidados.
 
Por último, Alvarellos desexou “moito éxito” a José Manuel Rozas nesta nova etapa e asegurou que o Concello de Lugo seguirá colaborando coa AECC para fortalecer as súas accións en favor da saúde e do benestar da veciñanza.

Noticias relacionadas