A área de Cohesión Territorial acometerá actuacións clave para reforzar a seguridade viaria e mellorar o abastecemento de auga.
As obras, cun investimento superior aos 267.000 euros, prevense canalizar a través do Plan Único da Deputación e inclúen a renovación do firme en vías rurais e a ampliación da rede de abastecemento municipal.

A rexedora, Paula Alvarellos, acompañada pola concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, adiantou á veciñanza de Conturiz as actuacións previstas para a zona que se preven canalizar a través do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo. O proxecto contempla melloras en San Amaro, Castro e Conturiz, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e optimizar o abastecemento de auga.
“O noso compromiso co rural é firme. Estas actuacións permitirán mellorar a mobilidade e a seguridade das vías, ademais de garantir un subministro de auga máis eficiente para a veciñanza”, destacou Alvarellos, quen subliñou que a planificación destas obras responde ás necesidades trasladadas polos propios residentes da zona.
A intervención estrutúrase en dous grandes eixos: a renovación do firme en 12 tramos das parroquias, cun investimento de 130.348 euros, e a ampliación da rede municipal de abastecemento de auga, cun orzamento de 137.052 euros.
No caso da mellora das vías rurais, os traballos incluirán a limpeza de cunetas para unha mellor evacuación da auga, a renovación do firme con aglomerado en quente, a reparación dos bordes da calzada e a instalación de novos sumidoiros para evitar acumulacións de auga en entradas a vivendas. Así mesmo, reforzarase a seguridade viaria coa colocación de sinalización horizontal e vertical.
En canto á rede de abastecemento, ampliarase o servizo municipal con novas tubaxes, pozos e acometidas, garantindo o mantemento da rede actual durante as obras para minimizar as molestias á veciñanza.
Paula Alvarellos puxo en valor a importancia destes proxectos, afirmando que “seguir investindo no rural significa apostar pola igualdade de servizos entre todos os barrios e parroquias de Lugo. Queremos que a veciñanza de Conturiz e do resto de núcleos rurais dispoña das infraestruturas necesarias para manter e mellorar a súa calidade de vida”.
Pola súa banda, Ana González Abelleira destacou que o Concello continuará traballando para atender as necesidades das parroquias e reforzar os servizos básicos. “Este tipo de investimentos son fundamentais para dinamizar o rural e fixar poboación, dotando ás parroquias de Lugo de infraestruturas modernas e eficientes”, explicou.
Audio
-
Ana González Abelleira, sobre as melloras previstas na zona | Descargar mp3




