Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Paula Alvarellos adianta á veciñanza de Conturiz as melloras previstas na zona

Paula Alvarellos adianta á veciñanza de Conturiz as melloras previstas na zona

A área de Cohesión Territorial acometerá actuacións clave para reforzar a seguridade viaria e mellorar o abastecemento de auga.

As obras, cun investimento superior aos 267.000 euros, prevense canalizar a través do Plan Único da Deputación e inclúen a renovación do firme en vías rurais e a ampliación da rede de abastecemento municipal.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Medio rural,
    • Dinamización rural
Venres, 21 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos adianta á veciñanza de Conturiz as melloras previstas na zona

A rexedora, Paula Alvarellos, acompañada pola concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, adiantou á veciñanza de Conturiz as actuacións previstas para a zona que se preven canalizar a través do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo. O proxecto contempla melloras en San Amaro, Castro e Conturiz, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e optimizar o abastecemento de auga.

“O noso compromiso co rural é firme. Estas actuacións permitirán mellorar a mobilidade e a seguridade das vías, ademais de garantir un subministro de auga máis eficiente para a veciñanza”, destacou Alvarellos, quen subliñou que a planificación destas obras responde ás necesidades trasladadas polos propios residentes da zona.

A intervención estrutúrase en dous grandes eixos: a renovación do firme en 12 tramos das parroquias, cun investimento de 130.348 euros, e a ampliación da rede municipal de abastecemento de auga, cun orzamento de 137.052 euros.

No caso da mellora das vías rurais, os traballos incluirán a limpeza de cunetas para unha mellor evacuación da auga, a renovación do firme con aglomerado en quente, a reparación dos bordes da calzada e a instalación de novos sumidoiros para evitar acumulacións de auga en entradas a vivendas. Así mesmo, reforzarase a seguridade viaria coa colocación de sinalización horizontal e vertical.

En canto á rede de abastecemento, ampliarase o servizo municipal con novas tubaxes, pozos e acometidas, garantindo o mantemento da rede actual durante as obras para minimizar as molestias á veciñanza.

Paula Alvarellos puxo en valor a importancia destes proxectos, afirmando que “seguir investindo no rural significa apostar pola igualdade de servizos entre todos os barrios e parroquias de Lugo. Queremos que a veciñanza de Conturiz e do resto de núcleos rurais dispoña das infraestruturas necesarias para manter e mellorar a súa calidade de vida”.

Pola súa banda, Ana González Abelleira destacou que o Concello continuará traballando para atender as necesidades das parroquias e reforzar os servizos básicos. “Este tipo de investimentos son fundamentais para dinamizar o rural e fixar poboación, dotando ás parroquias de Lugo de infraestruturas modernas e eficientes”, explicou.

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre as melloras previstas na zona | Descargar mp3 [1]

 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/paula-alvarellos-adianta-vecinanza-de-conturiz-melloras-previstas-na-zona

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/022125_audio_anagonzalezabelleira_paula_alvarellos_adianta_a_vecinanza_de_conturiz_as_melloras_previstas_na_zona.mp3