O San Froilán celebra, por terceiro ano consecutivo, o Día do Camiño Primitivo como "fonte de diversidade"

A Alcaldesa, xunto ao rexedor de Compsotela, presidiu os actos conmemorativos deste día, que contemplaban un paseo, dende a Porta San Pedro á Porta Miñá, con contos, humor, música e baile. Tamén se descubriu unha placa

Xoves, 11 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O San Froilán celebra, por terceiro ano consecutivo, o Día do Camiño Primitivo como "fonte de diversidade"

Por terceiro ano consecutivo, o San Froilán celebrou o Día do Camiño Primitivo. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiron os actos conmemorativos aos que tamén asistiu a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e os rexedores de Guntín, Meira, Baleira e Castroverde; así como representantes da Asociación Amigos do Camiño, outros membros da Corporación Municipal de Lugo e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López.

A xornada arrincou cunha recepción na Casa Consistorial, seguida dun paseo, Camiño ao contar, dende a Porta de San Pedro á Porta Miña con contos, humor, música e baile, co grupo de baile e gaitas Santaia de Oleiros e Lois Pérez. Durante o transcurso deste paseo polo Camiño Primitivo ao seu paso pola cidade tamén se descubriu unha placa, que conmemora os tres Patrimonios da Humanidade que ten a cidade, a carón da Catedral. Unha vez finalizado, as autoridades acudiron á carpa de Cultura e Tradición no Camiño, situada ata mañá no Cantiño Nemesio Cobreros.

"Hoxe celebramos o Día do Camiño Primitivo, que é unha fonte de diversidade", subliñou no acto Lara Méndez, quen definiu a esta vía de comunicación cultural e social como elemento capaz de xerar ingresos e dinamizar a vida do municipio; pois tan só nos últimos 3 anos, dende que foi declarado Ben Mundial, incrementou o número de peregrinos ao seu paso por Lugo nun 20%, "o que da boa mostra da capacidade de crecemento que ten aínda".

Ademais, a Alcaldesa situou ao Camiño Primitivo como elemento importante na estratexia fundamental da cidade, "dendo do noso modelo de cidade", pois ao redor del se desenvolven diversas actuacións, como por a estraxia EDUSI.

Pola súa banda, Martiño Noriega insistiu nos lazos de colaboración entre todos os municipios polos que pasa o Camiño Primitivo para incrementar aínda máis a súa afluencia.

Ambos os dous rexedores coincidiron en pór en valor o peso e a importancia histórica que dota a esta vía dun valor engadido.

Penúltimo día dos festexos

A penúltima xornadas dos festexos do San Froilán inclúe, ademais dos actos que homenaxean ao Camiño Primitivo, o XIII SanFroidance, na Praza da Soidade, dende as 17:30 ás 02:00 horas. Tamén haberá pasarrúas por Fontiñas, Montirón, Augas Férreas, estrada da Granxa,  Campos Novos, Alfonso X e Acea de Olga. Herdeiros da Crus con Wicked World como teloneiros, Fanfare Ciocarlia e os Festicultores poñerán o broche de ouro a esta xornada, que tamén inclúe unha verbena na Praza Maior coa orquestra Cinema.

Para rematar o San Froilán 2018, mañá terá lugar unha feira medieval, a partires das 11:00 horas, ao carón da Catedral de Lugo. Ademais, as agrupacións Devandoira, a Parentes, Xílgaros de Lugo, Meigas e Trasgos, Habelas Hainas e a orquestra Pontevedra amenizarán o último días destas festas, que abarrotan de xentes as rúas luguesas dende o pasado martes día 4. Ademais, para este último día, o Concello ten programados os concertos de Marky Ramone e Pussy Riot, na Praza Horta do Seminario, a partir das 20:30 horas e Myles Sanko, dende as 23:00 horas en Santa María.

II Concurso Olladas do San Froilán

O Concello impulsa de novo o concurso de fotografía e vídeo Olladas do San Froilán, un certame que ten como obxecto difundir as festas, declaradas de Interese Turístico Galego e Nacional, a través de pezas audiovisuais de libre creación, que aporten as particulares miradas das persoas participantes, e que recollan calquera dos variados aspetos que caracterizan estes festexos.

O concurso está aberto a persoas maiores de 18 anos de idade. O prazo para presentar obras ábrese este sábado e ata o 2 de novembro. As bases do certame pódense consultar na propia web das festas sanfroilan.info. Existe un único premio de 1.600 euros.

Multimedia

  • O San Froilán celebra, por terceiro ano consecutivo, o Día do Camiño Primitivo como "fonte de diversidade"
  • O San Froilán celebra, por terceiro ano consecutivo, o Día do Camiño Primitivo como "fonte de diversidade"

Noticias relacionadas