O Plan de Barrios do Goberno atalla as inundacións da Avenida da Coruña

Lara Méndez e Manuel Núñez supervisaron as últimas tarefas de mellora de saneamento, que está levando a cabo o Concello na contorna e nos que investiu 45.100 euros

Con esta actuación, o Goberno volve apostar pola renovación e modernización das redes, tanto de abastecemento como de saneamento, do municipio, co fin de mellorar a calidade destes servizos e así, tamén a dos veciños e veciñas

Mércores, 26 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Plan de Barrios do Goberno atalla as inundacións da Avenida da Coruña

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisaron as últimas tarefas de mellora de saneamento que está levando a cabo o Goberno para atallar as inundacións que se producen na Avenida da Coruña, concretamente na zona emprazada entre os números 306 e 362; onde se ocasionan frecuentes bolsas de augas por mor de choivas intensas, e de xeito especial, na contorna da gasoliñeira e na intersección coa rúa Ferreiriño.

O Concello investiu, a través do Plan de Barrios, 45.100 euros para os traballos, moi demandados pola veciñanza; que consistiron na disposición dun aliviadoiro, que parte do pozo de rexistro existente á altura do número 306, e conecta, mediante un pozo intermedio, co pozo de cabeceira da rúa do Cedro, na beirarrúa dos pares. Deste xeito, cando o caudal que circule pola rede sexa moi elevado, parte deste desviarase á rúa do Cedro, evitando o asolagamento.

Así mesmo, habilitouse un novo pozo de rexistro, ubicado na calzada, intermedio entre o do 306 e o da gasoliñeira, coa finalidade de ofrecer un aliviadoiro, pois conecta co pozo de cabeceira da rúa do Cedro, nos lados impares. Así, cando o caudal que circule pola rede sexa moi elevado, parte del desviarase á rede do Cedro, evitando tamén asolagamento. Nos pasos de cebra da gasoliñeira, colocáronse reixas para captar as augas superficiais e conectalas coa rede de saneamento. Tamén, neste caso á altura dos números 322 e 326, colocouse un novo pozo de rexistro para captar as augas da reixa e dos sumidoiros, pois nesta zona é onde máis auga se acumula. A actuación, que estará rematada esta mesma semana, complétase coa colocación de reixas á altura do número 326 e co acondicionamento de sumidoiros, que se conectan con algunhas baixantes dos edificios aos pozos de rexistro, para limitar o caudal que circula pola superficie.

Con esta actuación, o Goberno volve apostar pola renovación e modernización das redes, tanto de abastecemento como de saneamento, do municipio, co fin de mellorar a calidade destes servizos e así, tamén a dos veciños e veciñas.

Audio

  • Manuel Núñez, sobre as inundacións da Avenida da Coruña | Descargar mp3

Noticias relacionadas