O mobiliario urbano, novo escaparate das iniciativas municipais

O goberno de Lara Méndez empregará dende hoxe os 71 soportes publicitarios da cidade para multiplicar a difusión das actividades organizadas polas distintas áreas municipais

Mércores, 19 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O mobiliario urbano, novo escaparate das iniciativas municipais

Os 71 soportes publicitarios dos que dispón o Concello serán dende hoxe un novo escaparate para multiplicar a difusión das actividades que organiza o goberno de Lara Méndez dende as distintas áreas municipais promovendo así a participación nas mesmas da cidadanía.

“Son en total 142 superficies expositivas que exercerán como altofalantes da programación lúdica, cultural, xuvenil e mesmo das iniciativas abertas á concorrencia como as actuacións de emprendemento empresarial proxectadas dende o CEI – Nodus ou mesmo a apertura de convocatorias de subvencións públicas”, indicou Paula Alvarellos.

A edil de Gobernanza subliñou que, logo de regularizar a situación na que se atopaba o réxime de explotación dos Mupis, estes postes, propiedade da administración local e que se integran dentro do mobiliario urbano, pasarán a ser empregados por distintos servizos ben para proxectar as tarefas que desenvolven, ben para anunciar determinadas prestacións que están a disposición da veciñanza, cumprindo así unha función divulgativa de información que poida ser de interese xeral.

“Agardamos que, o feito de que estean distribuídos por toda a cidade, axude a incrimentar o eco e a repercusión das iniciativas para propiciar o seu coñecemento entre toda a poboación, independemente do barrio no que residan”, concluíu a concelleira.

Multimedia

  • O mobiliario urbano, novo escaparate das iniciativas municipais
  • O mobiliario urbano, novo escaparate das iniciativas municipais

Noticias relacionadas