O Goberno encarga o proxecto para mellorar a mobilidade en San Eufrasio cunha nova glorieta no cruce con Fontiñas

Unha vez redactado o documento técnico, que determinará a solución máis axeitada para o cruce, tendo en conta que existe unha forte pendente, o Executivo abordará coa Xunta a cesión do tramo necesario da estrada LU-530 para poder desenvolver as obras

A Concellería de Infraestruturas contratou tamén a elaboración dun estudo de tráfico na intersección da Ronda da Muralla coa Avenida da Coruña, á altura da porta de San Fernando, co fin de determinar a medida máis acaída para regular a circulación de vehículos e peóns

Xoves, 04 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lugo vén de encargar dúas importantes actuacións incluídas no Plan de Barrios que contribuirán a mellorar a mobilidade de vehículos e peóns, obxectivo central do seu modelo de cidade. Trátase, por unha banda, da redacción do proxecto para crear unha nova glorieta no cruce de San Eufrasio con Fontiñas e, por outro, da elaboración dun estudo de tráfico na intersección da Ronda da Muralla coa Avenida da Coruña, á altura da porta de San Fernando, dous puntos que rexistran unha moi elevada densidade de tráfico por encontrase en arterias de comunicación, que precisan dunha reordenación para gañar fluidez e seguridade.

No caso da glorieta de San Eufrasio, unha vez redactado o documento técnico, que determinará a solución máis axeitada para o cruce, tendo que conta a forte pendente que existe na zona, o Executivo abordará coa Xunta a cesión do tramo necesario da LU-530, de titularidade autonómica, para poder acometer as obras.  

En canto á intersección da Ronda da Muralla coa Avenida da Coruña, o Goberno encargou un estudo de tráfico a través de ferramentas de simulación, que proporcionan imaxes sobre os movementos de vehículos e viandantes que rexistra este punto, co fin de determinar despois a medida máis acaída para regular a circulación, pois, aínda sendo viable unha rotonda, podería descartarse tendo en conta a elevada afluencia de peóns.

A Concellería de Infraestruturas Urbanas, que dirixe Manuel Núñez, vén de adxudicar ambas actuacións a través de contratos menores por un importe de 9.295€ á mercantil Punto Kilométrico Tres Ingenieros, no caso da rotonda de San Eufrasio, e por 17.545€ a Iceacsa Consultores Consultores o estudo da intersección da Ronda coa Avenida da Coruña.

Unha vintena de medidas en mobilidade

Estas medidas súmanse á vintena de proxectos que en materia de mobilidade ten en marcha a día de hoxe o Goberno na cidade, ben acometidas ou en tramitación, como a creación de 800 novas prazas de aparcamento (apertura do párking Seminario ao público polas tardes e as fins de semana, 7 aparcadoiros disuasorios, novo párking en fronte ao HULA e reordenación do estacionamento na rúa circundante); ampliación das prazas dos aparcadoiros subterráneos públicos; as zonas 30 na Ronda da Muralla, Rodríguez Mourelo e A Piringalla; o novo modelo de acceso e mobilidade do casco histórico; as peonalizacións de Quiroga Ballesteros e A Milagrosa, e a humanización da avenida Infanta Elena; a eliminación do tapón urbanístico de Garabolos; a modificación do PEPRI para acondicionar a confluencia de San Roque-Ronda da Muralla-Montero Ríos; a reordenación das liñas de bus; os ascensores de Fontiñas e o Sagrado Corazón; ou o programa DUSI, unha estratexia de mobilidade en si mesma que ten como obxectivo unir a cidade e o río.

Noticias relacionadas