O Goberno de Lugo renovará o alumeado en 3 novas rúas da contorna da avenida das Américas

Rubén Arroxo anunciou que “avanzamos na instalación de lámpadas led de baixo consumo nas rúas Ameneiro e Pomar, ademais de continuar coa renovación da avenida das Américas”

O Goberno de Lugo vén de aprobar o proxecto de renovación, que sairá a licitación cun orzamento máximo de 314.555,50€  e terá un prazo de execución de 14 semanas

Domingo, 14 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lugo renovará o alumeado en 3 novas rúas da contorna da avenida das Américas

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo vén de aprobar o proxecto de renovación do alumeado público na contorna da avenida das Américas. Arroxo explicou que “avanzamos na substitución de lámpadas obsoletas, que utilizan elementos contaminantes como vapor de sodio ou mercurio, por LEDs de baixo consumo que permiten unha mellor capacidade lumínica, reducindo zonas escuras, ao mesmo tempo que reducimos o consumo enerxético e as emisións de CO2 producidas pola rede de alumeado do Concello de Lugo”.

Nesta actuación traballarase nun novo treito da avenida das Américas, e nas rúas Ameneiro e Pomar, onde se substituirán as luminarias actuais por LEDs. Esta nova intervención sairá a licitación cun orzamento de 314.555,50€ e un prazo de execución de 14 semanas. En total substituiranse 38 puntos de luz, o que reducirá o consumo eléctrico da rede de alumeado público de Lugo en 2.932W.

Rubén Arroxo lembrou que desde a área de Mobilidade e Infraestruturas se adicaron nos últimos dous anos preto de 3 millóns de euros na renovación do alumeado público da cidade, substituíndo luminarias con elementos contaminantes e con altos consumos de enerxía por LEDs de baixo consumo e maior capacidade lumínica, eliminando ao mesmo tempo zonas escuras e aplicando criterios como a perspectiva de xénero para aumentar a seguridade nas rúas.

Noticias relacionadas