O goberno de Lara Méndez destina 750.000 € a axudas á vivenda en 2020

O Concello habilitou 600.000 € para subvencións de aluguer e dende a Emerxencia Social se contribuíu con 150.000 € máis a sufragar outros gastos derivados do seu mantemento

A área de Benestar trasladaba hoxe á Xunta de Goberno a aprobación das bases dunha nova convocatoria das subvencións de Evislusa nas que terán preferencia as vítimas de violencia de xénero, as familias con fillos ou persoas dependentes ao cargo así como a mocidade de até 35 anos

A alcaldesa, Lara Méndez, subliña o papel destas achegas, próximas ao millón de euros, fronte á falta de creación, dende 2008, de nova vivenda pública en Lugo

A rexedora lembrou o compromiso da Xunta para construír VPO tanto en Garabolos como ao carón do Auditorio, “onde dispón de terreos, co fin de atender ao milleiro de demandantes que hai na capital e que poden incrementarse ante a crise social que se aveciña”

Mércores, 04 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez destina 750.000 € a axudas á vivenda en 2020

Lugo leva máis dunha década sen contar coa creación de nova vivenda pública. Mentres, as listas de demandantes, que actualmente superan o milleiro de persoas na cidade, se incrementan ano a ano.

Unha realidade da que non é alleo o executivo de Lara Méndez que, co fin de paliar esa carencia, destinou, neste 2020, 600.000 euros ás axudas municipais de alugueiro.

A alcaldesa e a edil de Benestar, Inclusión e Terceira Idade, Olga López Racamonde, comparecían esta mañá para informar das achegas artelladas polo Concello nesta materia e que, no seu conxunto, rondan os 750.000 euros, se se ten en conta que ao mantemento dos gastos da vivenda se deriva tamén a metade da partida habilitada para a Emerxencia Social.

“Nunca como agora, pola salvagarda do ben máis prezado que temos que é a nosa saúde, tivo tanta importancia dispoñer dun fogar. O acceso á vivenda digna é un dereito constitucional, un recurso fundamental e de primeiro orde. Para a administración autonómica trátase ademais dunha competencia propia na que, lamentablemente, polo menos en Lugo, levan moito tempo sen dar a talla como así o demostra a ausencia de parque inmobiliario público dispoñible e un nulo interese inversor para crealo dende hai máis dunha década”, manifestou Lara Méndez que datou de decembro de 2008 a construción do edificio na Avenida Paulo Fabio Máximo, o derradeiro na capital de VPO, e de 2017 a última rehabilitación feita na Tinería.

A rexedora lembrou tamén que a Xunta dispón de terreos ao efecto tanto en Garabolos como ao carón do novo Auditorio nos que, dende hai anos, se comprometeu a promover vivenda protexida sen que, ata o momento, a tivera materializado. “Nos propios orzamentos autonómicos para 2020 se incluía unha partida de medio millón de euros para este concepto da que, a 4 de novembro, nada sabemos. O mesmo que aconteceu coa superficie conveniada en 2004 e pola que se cedía a parcela municipal de Magoi na que, ademais da dotación cultural se prevía a edificación de 140 vivendas, o 60% de protección oficial”.

“A isto hai que engadir que as listas de demandantes recollidas no Rexistro Único da Xunta de Galicia, e que se incrementan cada ano, triplican ás de outras capitais semellantes, como pode ser Ourense”, engadiu.

“Porén, dende o Concello – subliñou Méndez - queremos contrarrestar esas eivas empregando os instrumentos que temos á nosa disposición. Entre eles, o Plan Estratéxico de Subvencións ao que este ano dotamos con 8 millóns de euros para ser a man tendida da que precisa a sociedade luguesa”.

“Aínda que a meirande parte dese orzamento se empregou para dar cobertura ao Plan Reanima (5M €), ben é certo que case un terzo da cantidade restante terá como finalidade a concesión de axudas para a vivenda – sostivo a rexedora. Así, durante o 2020 non só habilitamos 300.000 euros para afrontar unha nova convocatoria desta prestación de cara ao ano que vén, senón que, nestes momentos, estase a abonar a prórroga da que se atopa en curso procedente do 2019 por un importe similar”.

Unha partida á que cómpre engadir outros 150.000 euros máis procedentes da Emerxencia Social - ao redor do 50% do presuposto co que conta esta prestación – e que foi empregado polas persoas beneficiarias da mesma para afrontar os gastos de mantemento da vivenda como a cota da hipoteca, ou do aluguer e mesmo as facturas de subministración enerxética, principais necesidades dos usuarios e usuarias do servizo que, se ben, en moitos dos casos, contan con axudas para a manutención, os ingresos que perciben non lles alcanzan para o pagamento de todos os recibos que deben asumir.

Lara Méndez rematou a súa intervención indicando que actualmente, as axudas municipais do alugueiro, xestionadas a través de Evislusa, teñen 136 perceptores que reciben unha achega entre os 45 e os 175 euros mensuais, en función da súa renda e, unha vez máis, ofreceu “unha total colaboración á Xunta para axilizar ao máximo o desenvolvemento urbanístico dos soares do IGVS co fin de crear nova vivenda de protección oficial e así non deixar desamparado a ningún veciño ou veciña nun momento de gran incerteza económica”.

Pola súa banda, Olga López Racamonde explicou que a Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá vén de aprobar as bases para a vindeira convocatoria das subvencións municipais ao alugueiro na que se introduciron unha serie de cambios relativos ao perfil das e dos beneficiarios.

“Dende este ano terán prioridade no seu outorgamento as vítimas de violencia de xénero, aquelas familias que teñen ao seu cargo tanto descendentes ata os 25 anos como persoas cun grao de discapacidade superior ao 65% e, en terceiro lugar, as unidades de convivencia que estean compostas exclusivamente por mozos de até 35 anos de idade. Entendemos que neste contexto de crise sanitaria, que está a derivar noutra de tipo social, cómpre incrementar a protección a aqueles colectivos máis vulnerables ou para os que a pandemia supón tamén unha merma de oportunidades laborais ou implican unha situación de dependencia”.

A concelleira avanzou que o prazo de presentanción de solicitudes será de 20 días hábiles, contados dende o seguinte á publicación oficial do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e que este ano poderán entrar na bolsa os alugueres que teñan un importe máximo de 380 euros.

“Entre os requisitos esixidos figuran, para o inmoble, que este teña unhas condicións mínimas de habitabilidade, que a cociña estea en bo uso, que conte coas instalacións de gas, auga, saneamento e iluminación legalizadas e que dipoña dun cuarto de baño completo e con ventilación. Ademais todas as estancias deben ser accesibles e non se permite o uso de almacenamento descontrolado de obxectos. Por parte dos beneficiarios, estes deberán cumprir co aboamento mensual do alugueiro e xustificalo, manter o domicilio en condicións axeitadas, ou non percibir outras axudas ou subvencións polo mesmo concepto. Ademais non poderán subarrendala nin alugar habitacións da mesma”, avanzou Olga López.

Tralo acordo na sesión desta mañá a previsión é que o procedemento relativo á convocatoria para o 2021 quede resolto antes de que remate o ano.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as axudas municipais á vivenda | Descargar mp3
  • A edil de Benestar, Inclusión e Terceira Idade, Olga López, sobre as axudas municipais á vivenda | Descargar mp3

Noticias relacionadas