O Goberno de Lara Méndez amplía e renova a rede Wifi das instalacións municipais para facilitar o acceso gratuíto a internet á veciñanza

Lugo conta, actualmente, con 80 puntos de conexión gratuíta a internet nos centros municipais, trala ampliación da rede promovida polo executivo.

Esta medida enmárcase no plan para mellorar a conectividade nos inmobles municipais como centros sociais e instalacións deportivas, a través de fondos Next Generation.

“Combatemos a fenda dixital, facilitando o acceso a internet á cidadanía, ao tempo que apostamos por unha cidade máis moderna e conectada”, apuntou Méndez.

Martes, 12 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez amplía e renova a rede Wifi das instalacións municipais para facilitar o acceso gratuíto a internet á veciñanza

O Goberno de Lara Méndez completou a ampliación e renovación da rede Wifi das instalacións municipais, co obxectivo de facilitar o acceso gratuíto a internet á veciñanza. Deste xeito, Lugo conta xa con 80 puntos de conexión en dependencias públicas cun elevado volume de usuarios como os centros de convivencia; a biblioteca municipal; ou diferentes instalacións deportivas, entre outras. “ O obxectivo desta iniciativa é consolidar unha ampla rede ao longo de toda a cidade para que en cada barrio existan puntos de acceso gratuíto a internet. Esta estructura municipal elaborada ao longo dos últimos anos permítenos combater a fenda dixital facilitando que cada luncense dispoña de acceso público a Internet nas inmediacións da súa residencia”, sinalou o concelleiro responsable do servizo, Pablo Permuy.

“Con este investimento queremos ofrecer un mellor servizo e garantir a máxima calidade e maior velocidade na conexión á rede aos usuarios destas instalacións”, explicou Permuy, quen subliñou que esta iniciativa se puxo en marcha logo da instalación de novos puntos wifi exteriores en diferentes prazas e espazos públicos da cidade, a través do programa europeo Wifi4EU. “Deste xeito, complétase a renovación iniciada a finais do ano pasado e que levou a rede Wifi a dez espazos públicos: Praza da Milagrosa, Praza Agro do Rolo, Augas Férreas, Praza Maior, Casa da Xuventude, Praza do Castiñeiro, Praza Viana do Castelo, Praza do Campo Castelo, o Centro de Servizos Municipais e praza Horta do Seminario”, lembrou.

“A nosa previsión é seguir ampliando estes puntos de acceso nas diferentes instalacións municipais ata chegar ao centenar antes de final de ano. Algo que nos permite expandir esta rede de acceso público ao 100% da zona urbana do municipio e facilitar o acceso a internet aos grupos de poboación que presentan máis dificultades, especialmente as persoas maiores”, explicou o concelleiro.

Conexión sinxela e segura

A conexión, segundo o establecido no programa WiFi4EU é moi sinxela, xa que non é preciso ningún tipo de rexistro. No momento de conectarse por primeira vez á rede wifi gratuíta, o usuario será redirixido a unha páxina segura de inicio de sesión (portal cativo). Poderase iniciar sesión cun simple clic. Ademais, os usuarios que se desconecten e volvan conectarse dentro dun período de 12 horas, non terán que volver iniciar sesión.

A renovación e ampliación das antenas wifi das instalacións municipais levouse a cabo con cargo aos fondos do programa de axudas a municipios do Ministerio de Política Territorial para a Transformación Dixital e Modernización das Entidades Locais, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia dos fondos europeos Next Generation e supuxo un investimento total de 130.599,36 euros.

“Deste xeito avanzamos na procura dunha cidade máis moderna e conectada, proporcionando acceso inalámbrico gratuíto a internet nos principais espazos da vida pública. Esta iniciativa súmase a outras postas en marcha polo Goberno de Lara Méndez dentro do proceso de modernización dixital, como a implantación da administración electrónica ou os cursos de acceso as novas tecnoloxías dedicados a poboación maior”, concluíu o edil.

Audio

  • O concellería de Economía e Recursos Humanos, Pablo Permuy, sobre os puntos wifi gratuíto | Descargar mp3

Noticias relacionadas