A adxudicación, cun valor anual de 423.500 euros, permitirá mellorar o mantemento destas infraestruturas esenciais.
O novo dispositivo activarase de inmediato e contará cun servizo de emerxencia operativo as 24 horas.
O edil en función de Transición Ecolóxica, Mauricio Repetto, puxo en valor que "este investimento asegura un sistema eficiente e ben mantido, ampliando a atención ás necesidades de Lugo en todo momento".

O Executivo de Paula Alvarellos vén de adxudicar o contrato do novo servizo de reparacións e apoio técnico para as redes de abastecemento e saneamento de auga de Lugo, que se activará de inmediato. Cun orzamento anual de 423.500 euros, o contrato busca optimizar o mantemento destas infraestruturas esenciais, garantindo unha resposta eficaz e continuada ante calquera incidencia.
O novo servizo permitirá atender as avarías fóra do horario habitual da brigada de augas, reforzando o operativo activado nos últimos meses. "Con esta contratación, buscamos garantir un sistema máis áxil, fiable e preparado para as demandas do día a día, ademais de asegurar unha xestión máis eficiente dos nosos recursos", explicou Mauricio Repetto. Esta medida supón un paso máis no compromiso do Goberno local por mellorar a calidade das infraestruturas que resultan clave para o benestar da veciñanza.
A empresa Gestagua será a encargada de prestar este servizo, que terá unha duración inicial dun ano, prorrogable por outro adicional. O contrato inclúe unha distribución orzamentaria de 302.500 euros anuais para a rede de abastecemento e 121.000 euros para a de saneamento. Repetto subliñou: "Estamos a avanzar cara a unha xestión máis sostible das redes de auga, unificando esforzos para ofrecer unha maior calidade e seguridade nas intervencións."
Ademais, a nova contratación permitirá reforzar o mantemento preventivo e correctivo, anticipándose a posibles problemas e reducindo tempos de resposta ante emerxencias. "Con iniciativas como esta, reforzamos o noso compromiso co progreso da nosa cidade e coa protección dun recurso tan vital como a auga", engadiu o concelleiro.
Audio
- Mauricio Repetto, sobre o contrato do servizo | Descargar mp3

