Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Executivo de Paula Alvarellos adxudica o contrato do servizo de reparacións e apoio para as redes de abastecemento e saneamento de auga

O Executivo de Paula Alvarellos adxudica o contrato do servizo de reparacións e apoio para as redes de abastecemento e saneamento de auga

A adxudicación, cun valor anual de 423.500 euros, permitirá mellorar o mantemento destas infraestruturas esenciais.

O novo dispositivo activarase de inmediato e contará cun servizo de emerxencia operativo as 24 horas.

O edil en función de Transición Ecolóxica, Mauricio Repetto, puxo en valor que "este investimento asegura un sistema eficiente e ben mantido, ampliando a atención ás necesidades de Lugo en todo momento".

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Medio ambiente,
    • Auga
Xoves, 19 de decembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos adxudica o contrato do servizo de reparacións e apoio para as redes de abastecemento e saneamento de auga

O Executivo de Paula Alvarellos vén de adxudicar o contrato do novo servizo de reparacións e apoio técnico para as redes de abastecemento e saneamento de auga de Lugo, que se activará de inmediato. Cun orzamento anual de 423.500 euros, o contrato busca optimizar o mantemento destas infraestruturas esenciais, garantindo unha resposta eficaz e continuada ante calquera incidencia.

O novo servizo permitirá atender as avarías fóra do horario habitual da brigada de augas, reforzando o operativo activado nos últimos meses. "Con esta contratación, buscamos garantir un sistema máis áxil, fiable e preparado para as demandas do día a día, ademais de asegurar unha xestión máis eficiente dos nosos recursos", explicou Mauricio Repetto. Esta medida supón un paso máis no compromiso do Goberno local por mellorar a calidade das infraestruturas que resultan clave para o benestar da veciñanza.

A empresa Gestagua será a encargada de prestar este servizo, que terá unha duración inicial dun ano, prorrogable por outro adicional. O contrato inclúe unha distribución orzamentaria de 302.500 euros anuais para a rede de abastecemento e 121.000 euros para a de saneamento. Repetto subliñou: "Estamos a avanzar cara a unha xestión máis sostible das redes de auga, unificando esforzos para ofrecer unha maior calidade e seguridade nas intervencións."

Ademais, a nova contratación permitirá reforzar o mantemento preventivo e correctivo, anticipándose a posibles problemas e reducindo tempos de resposta ante emerxencias. "Con iniciativas como esta, reforzamos o noso compromiso co progreso da nosa cidade e coa protección dun recurso tan vital como a auga", engadiu o concelleiro.

Audio

  • Mauricio Repetto, sobre o contrato do servizo | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-executivo-de-paula-alvarellos-adxudica-o-contrato-do-servizo-de-reparacions-e-apoio-para

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/121924_audio_mauriciorepetto_o_executivo_de_paula_alvarellos_adxudica_o_contrato_do_servizo_de_reparacions_e_apoio_para_as_redes_de_abastecement.mp3