O executivo de Lara Méndez pechará sete rúas ao tráfico para ampliar as zonas de terraza e de paseo peonil

Para axudar á recuperación da hostalaría, o Concello permitirá tamén incrementar os espazos de terraza e a instalación de novas nas rúas peonalizadas e nas prazas públicas.

Publícase un bando onde se recolle, ademais, a posibilidade de ocupar beirrarúas e áreas de estacionamento seguindo unhas pautas de distancias, sinalización e seguridade. 

A alcaldesa de Lugo incidiu en que as medidas terán un carácter excepcional, de tres meses de duración, e que deberase ser respectuoso cos espazos peonís.

O Concello seguirá sen cobrar o recibos pola instalación de terrazas. 

Mércores, 20 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez pechará sete rúas ao tráfico para ampliar as zonas de terraza e de paseo peonil

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reuniu hoxe á Comisión de Tráfico co fin de avanzarlles o bando que regulará a ampliación e a nova instalación de terrazas dos establecementos hostaleiros co fin de axudar á recuperación da actividade dun dos principais sectores económicos da cidade, “do que viven miles de familias”, sostivo.

A rexedora incidiu en que estas medidas serán de carácter excepcional polas circunstancias derivadas da pandemia e lembrou que, na xuntanza que mantivo hai un días coa Asociación de Hostaleiros para consensuar as accións, se lles solicitou que a aplicación do bando debe ser respectuosa co dereito da veciñanza para desprazarse pola cidade sen barreiras e co mantemento do espazo necesario para a circulación de vehículos de emerxencia.

Neste senso, o Concello pechará ao tráfico rodado seis rúas: Mallorca, Recatelo, carril dos Loureiros, Isaac Díaz Pardo, Vila de Sarria e Avelino Pousa Antelo co fin de incrementar, por unha parte, os espazos de paseo da cidadanía e, pola outra, da superficie destinada á terraza.

Ademais, permitirase a instalación de mesas e cadeiras nas prazas públicas e nas rúas peonalizadas.

No caso da Praza de Augas Férreas, ademais do seu uso para ampliar ou colocar novas terrazas, gañarase espazo para a cidadanía, xa que quedarán como zonas exclusivamente peonís e libre de terrazas a vía de intersección entre as rúas Cánovas del Castillo e Rafael Dieste e a de  intersección con Vázquez Seijas.

Por outra banda, os locais poderán usar as beirrarúas ou, alternativamente, a área destinada aos estacionamento de vehículos pero só na marxe da vía lindeira coa beirrarúa na que se atopa a fachada do establecemento, e por unha distancia, en ambos os dous casos, que non supere a lonxitude da fachada.

A alcaldesa insistiu en que, en todos os casos, os hostaleiros deberán adoptar as medidas de delimitación do espazo ocupado de xeito que se garanta a seguridade tanto dos usuarios como dos viandantes, así como as medidas necesarias para a accesibilidade.

Os establecementos deberán remitir ao Concello unha comunicación previa da ampliación ou instalación da terraza, xunto coa fotografía da fachada do establecemento ou do espazo debidamente  delimitado, e xustificante de pago do último recibo do seguro de responsabilidade civil obrigatorio.

Lara Méndez anunciou que as medidas entrarán en vigor o día 23 deste mes e durarán ata o 31 de agosto. Lembrou, así mesmo, que o Concello seguirá sen cobrar os recibos pola instalación de terrazas.

A rexedora destacou que a Policía Local realizará un seguimento co fin de que se respecten en todo momento as pautas de seguridade e protección, como as distancias, co fin de que as terrazas non se convertan nun risco de contaxio. Apelou unha vez máis á responsabilidade individual e colectiva de todos e todas as lucenses neste proceso de desescalada, “onde nos xogamos o máis importante que temos, as nosas vidas e as vidas dos nosos seres queridos”.

Audio

  • Lara Méndez, sobre as zonas de terraza e de paseo peonil | Descargar mp3

Noticias relacionadas