A concellería de Medio Rural que dirixe Miguel Fernández vén de trasladar á Deputación Provincial os proxectos destas cinco actuacións, orzamentadas en 557.568 €.
O edil lembrou que “só neste último mandato, investimos máis de 7 millóns de euros en infraestruturas nos núcleos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

O Executivo de Lara Méndez dedicará este ano os fondos do Plan Único a executar, integramente, melloras no rural.
Así o avanzou o tenente de alcaldesa e concelleiro da área, Miguel Fernández, quen informou que “o Goberno local vén de trasladar á Deputación Provincial os proxectos das cinco intervencións previstas, dirixindo catro delas a acondicionar diferentes estradas nas parroquias de Santalla de Mazoi, Santa María de Coeses, San Vicente do Veral e San André de Castro, mentres que a outra terá por obxecto implantar a primeira fase do abastecemento en Pías, co compromiso de que o proxecto terá continuidade ata dotar deste servizo a toda a parroquia.
“As actuacións beneficiarán directamente á veciñanza destes núcleos, redundando nun incremento da súa calidade de vida e das dotacións públicas das que dispoñen na contorna, pero tamén contribuirán á comodidade e seguridade viaria do conxunto da poboación que poida empregalas nos seus desprazamentos, mellorando as conexións e a rede de infraestruturas municipais”, subliñou o edil responsable.
Miguel Fernández lembrou, así mesmo, que “no que levamos de mandato, investimos máis de 7 millóns de euros en crear e fornecer servizos no rural coa vontade de equiparalos aos existentes na zona urbana e pular por aumentar o seu atractivo como reclamo para o asentamento de habitantes”, sinalou o tenente de alcaldesa.
Do conxunto das obras, que foron orzamentadas en 557.568 €, a Deputación achegará medio millón de euros e o Concello os 57.568 € restantes.
Traballos que se levarán a cabo
- Acondicionamento e mellora do firma da estrada municipal que atravesa o núcleo rural de Cacabelos (Santalla de Mazoi), por valor de 60.864 €.
- Acondicionamento e mellora do firme da estrada municipal que comunica os núcleos de Portanova, Fontemaior e Airexe (Santa María de Coeses), orzamentada en 56.657 €.
- Acondicionamento e mellora do firme da estrada municipal que, partindo da N-232, enlaza o núcleo de Astariz coa N-540 (San Vicente do Veral e San Lázaro da Ponte), cun importe de 101.701 €.
- Acondicionamento e mellora do firme da estrada municipal que, partindo da LU-P-2910, chega ao núcleo do Castro (Pista de Paredes) (San André de Castro), cuxo presuposto ascende a 137.506 €.
- Abastecemento de auga na parroquia de Pías (Primeira Fase), estimada en 200.837€.
Audio
- O edil de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre as obras do Plan Único 2023 | Descargar mp3