O Consello Escolar de Galicia realiza en Lugo unha xornada para fomentar a participación

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Un total de 200 persoas participaron onte nunha xornada do Consello Escolar de Galicia, organizada como encontro cos membros dos consellos escolares dos centros de ensino non universitario e cos integrantes dos concellos municipais. A xornada contou coa presenza do Alcalde de Lugo, José López Orozco; do Delegado de Educación, José Rábade, e da Vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia, Milagros Blanco.

O obxectivo desta reunión era fomentar a participación de todos os sectores da sociedade no proceso de mellora do sistema educativo.

Durante a reunión, os membros do Consello Escolar de Galicia tiveron a oportunidade de trasladar aos representantes da comunidade educativa cuestións como a importancia da participación nos órganos colexiados de control e goberno dos centros no marco da Lei Orgánica de Educación (LOE) ou a relación con outros órganos de participación. Ademais, presentaron a campaña A participación da comunidade educativa na mellora da calidade do ensino, e dialogaron sobre as necesidades ás que se enfrontan os Consellos Escolares.

O Alcalde felicitou ao Consello Escolar por esta iniciativa destinada a integrar a pais, profesores e alumnos no proceso educativo. Así mesmo, mostrou o agradecemento do Concello de Lugo, onde leva funcionando o Consello Escolar Municipal, dende o 1999, polo traballo realizado neste tempo e por esta iniciativa de relanzamento.

Indicou tamén o Alcalde que a educación non deixa de ser o traballo máis bonito, "para farcer homes libres e cidadás democráticos".

Esta actividade forma parte dunha rolda de encontros que o Consello Escolar de Galicia está a realizar en diversas cidades e concellos da comunidade galega. Segundo afirmou a Vicepresidenta deste órgano de consulta, Milagros Blanco, esta iniciativa está a acadar un grande éxito, xa que nas xuntanzas celebradas na provincia da Coruña contaron coa participación de máis de 720 membros dos consellos municipais e de centros de ensino. O encontro desta tarde constitúe o primeiro da provincia de Lugo. A próxima semana, a actividade continuará no Concello de Viveiro.

A rolda de encontros está orientada á consecución dunha participación real e efectiva de todos os sectores das comunidades educativas nos consellos escolares; así como dar a coñecer á sociedade o Consello Escolar de Galicia como máximo órgano de participación e consulta.

Outro dos obxectivos é o de colaborar cos concellos que teñen constituído o Consello Escolar Municipal co fin de impulsar a revitalización destes órganos, así como fomentar a súa creación nos concellos nos que aínda non estean constituídos. Ademais, durante estas reunións elaboraranse unha serie de enquisas que recollerán información relevante de cara á organización dunhas xornadas específicas para os membros dos consellos escolares, que se desenvolverán no primeiro trimestre do curso 2007/2008.