O Goberno Local lembra a administración autonómica que en base á Lei 4/2017, do 3 de outubro, é a súa competencia actuar neste caso para impedir posibles accidentes.
O servizo municipal de Medio Ambiente asegura que desde fai uns días esta situación obriga á Policía Local a realizar vixilancia continua, para protexer á cidadanía.
O Concello comunicou á Xunta, como autoridade competente nesta materia, a necesidade de intervir de maneira inmediata ante o risco de sinistros ou accidentes de tráfico.
O Concello de Lugo requiriu á Xunta de Galicia, como administración competente nesta materia, que actúe de urxencia no caso dos porcos soltos nas inmediacións da Avenida de Madrid e a estrada Nacional-VI, que desde fai días supoñen un risco para a seguridade cidadá e que están a obrigar a efectivos da Policía Local a realizar alí vixilancia continua para garantir a seguridade, evitar posibles incidentes e impedir accidentes de tráfico, ante a proximidade dos carrís de circulación.
O Servizo municipal de Medio Ambiente lembrou á administración autonómica que en base á Lei 4/2017, do 3 de outubro, é a súa competencia actuar neste caso, posto que dita lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, determina, no seu artigo 2, en referencia ás exclusións e aplicación supletoria, que “esta lei non será aplicable aos animais que sexan obxecto dunha regulación específica, e, entre outros, aos destinados ao seu aproveitamento, incluído o autoconsumo.
Neste sentido, o Servizo de Medio Ambiente do Concello de Lugo fai fincapé en que os animais de compañía de calquera especie, que teña na súa poder o ser humano, sempre que a súa tenencia non supoña como destino o seu consumo ou o aproveitamento das súas produccións, ou non leve a cabo, en xeral, con fins comerciais ou lucrativos, polo que desde o Goberno Local insisten en que “a lei determina claramente o que se entende por animais de compañía e neste caso non estamos ante un animal de compañía”.
Por todo isto, o Servizo municipal de Medio Ambiente require á Xunta de Galicia que realice as actuacións necesarias para garantir a seguridade cidadá e evitar que estes animais ocasionen algún tipo de incidente.

