O Concello instala máis de 70 bancos novos en distintos puntos da cidade

Xoves, 16 de setembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Infraestruturas adica un investimento de 35.000 euros a ampliar o número de bancos instalados nas rúas, parques e prazas da cidade, segundo informou esta mañá o Concelleiro José Piñeiro.

Con esta partida económica vanse poñer máis de 70 bancos novos en distintos lugares como o parque da Milagrosa, Castiñeiro ou Garabolos, entre outros. A instalación comezou a principios desta semana e xa se colocaron nestes días máis de 30, segundo detallou José Piñeiro.

O Concelleiro de Infraestruturas tamén indicou que con eles “suman 300 bancos os que puxo o Concello neste mandato en 52 rúas e prazas de Lugo cun investimento total de máis de 100.000 euros”.

Tapas de rexistro

José Piñeiro tamén anunciou que a súa Concellería vai facer un estudo sobre o estado das numerosas tapas de rexistro da cidade.
O Concelleiro explicou que moitas das tapas de rexistro que hai na cidade non son municipais, da rede de saneamento e abastecemento de auga, senón de empresas privadas que prestan servizos como as comunicacións ou a enerxía eléctrica.
Con ese estudo, o Concello detectará onde están as que é necesario cambiar porque fan ruídos, que resultan moi molestos para os veciños sobre todo pola noite, e tomaranse medidas para cambialas ou para reclamarlle ás empresas que cambien as súas.

Estatua da Maternidade

O Concelleiro de Infraestruturas tamén anunciou que o Concello xa dispón dunha foto orixinal da estatua da Maternidade, obra do escultor Mallo, que estaba instalada no parque de Frigsa e que fora retirada para restaurala porque tiña varios desperfectos.
“Unha vez localizada a fotografía do orixinal, xa podemos poñer en marcha o proceso para restaurala de xeito que se reconstrúa con fidelidade”, explicou José Piñeiro.

Multimedia

Noticias relacionadas