O Concello iniciará a avaliación de danos e establecerá a mellor técnica de restauración para a Fonte de San Vicente

Manuel Núñez informou destas xestións para poder levar a cabo a restauración coa máxima celeridade posible e repoñer a estatua que foi danada esta fin de semana

Luns, 19 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, deu conta este luns de que “o Concello, a través dunha proposta de gasto, iniciará na maior brevidade posible as xestións para avaliar os danos e coñecer a mellor técnica de restauración da estatua da Fonte de San Vicente, situada na Praza do Campo, e que foi danada esta fin de semana”.

Posteriormente, o edil explicou que “a entidade local elaborará un proxecto de restauración, solicitando tamén un informe positivo do Servizo de Patrimonio da Xunta, para levar a cabo a restauración coa máxima celeridade posible, co obxecto de repoñer a estatua de San Vicente no lugar que sempre ocupou entre os lucenses”.

Neste senso, o Concello lamenta profundamente os actos vandálicos producidos ao longo da madrugada do sábado. Así mesmo, condena publicamente o comportamento incívico duns poucos, que coas súas accións prexudican a todo o pobo de Lugo.

Audio

  • Manuel Núñez, sobre a restauración da estatua da Fonte de San Vicente| Descargar mp3

Noticias relacionadas