O Concello establece en 140 persoas o aforo máximo dos bailes do Centro Cívico Milagrosa

A alcaldesa, Paula Alvarellos e a edil de Benestar, Olga López, reunironse esta tarde co colectivo para informalo, de primeira man, da nova organización da actividade.

Xoves, 16 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello establece en 140 persoas o aforo máximo dos bailes do Centro Cívico Milagrosa

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, vén de manter un pequeno encontro, esta tarde, coas persoas usuarias das sesións de baile que se organizan no Centro Cívico da Milagrosa para comunicarlles os novos parámetros de ocupación do inmoble. “Tal é como nos comprometimos a principios desta semana, procuramos estudar a posibilidade de satisfacer as demandas que nos trasladou o colectivo, sempre e cando se garantise a seguridade durante a realización da actividade”, apuntou a rexedora.  Así, Alvarellos Fondo, que estivo acompañada pola concelleira da área de Benestar Social, Olga López Racamonde, informou ás e aos asistentes de que, en atención ás peticións recibidas, solicitouse un novo informe municipal valorando a capacidade de acollida da sala.

“O estudo fíxose en base a unha nova disposición do mobiliario que permitira incrementar o número de asistentes pero sen que iso supuxese un prexuízo para a súa protección e o correcto desenvolvemento das sesións, que é e foi o criterio que sempre primou para establecer a nova organización de acceso ás mesmas”, engadiu a alcaldesa.

Deste xeito, a rexedora trasladou que a partir xa desta mesma fin de semana o aforo máximo permitido será de 140 persoas como máximo. “E ante o rexeitamento que suscitou que se quixera dar prioridade de acceso á veciñanza empadroada en Lugo – como se fai na inscrición doutras moitas actividades municipais – a ocupación atenderá á orde de chegada ao baile”, sinalou, ao tempo que lembrou que de superarse a capacidade permitida, os e as usuarias interesadas en gozar dos bailes poderán desprazarse para participar neles ao resto de centros sociais nos que tamén se levan a cabo.

Multimedia

  • O Concello establece en 140 persoas o aforo máximo dos bailes do Centro Cívico Milagrosa
  • O Concello establece en 140 persoas o aforo máximo dos bailes do Centro Cívico Milagrosa

Noticias relacionadas