O Concello e a Confederación costearán o proxecto que desbloqueará o Plan Paradai para avanzar na súa finalización

A alcaldesa Lara Méndez e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, asinaron hoxe un protocolo de colaboración que permitirá darlle unha solución ao risco de inundacións causado pola rotonda que executou a Xunta no 2015

Esta actuación permitirá avanzar nun proxecto que, segundo lembrou a rexedora “data a do século pasado porque a sinatura do convenio entre Concello e Xunta é de 1999”

Luns, 18 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello e a Confederación costearán o proxecto que desbloqueará o Plan Paradai para avanzar na súa finalización

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Río Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron hoxe un protocolo que desbloqueará ao Plan Paradai e permitirá que se poida avanzar cara a súa finalización 21 anos despois de que Concello lucense e a Xunta de Galicia asinasen o convenio co fin de unir os barrios de Paradai e As Gándaras.

Coa sinatura de hoxe, a administración local e a Confederación Hidrográfica acordan investir 650.000 euros nunha actuación que reducirá o risco de inundación do río Rato en situación límite na contorna da glorieta da rúa de Serra de Meira. Desta maneira, dase unha solución aos problemas da rotonda que une Serra de Meira co vial da ponte de Paradai, obra que foi executada no 2015 pola Xunta de Galicia sen autorización e que a Confederación paralizou por non ser legalizable.

Esta execución alterou o comportamento e a extensión da chaira de inundación do río nas zonas adxacentes á glorieta, provocando, mesmo para a avenida de 10 anos de período de retorno, un maior risco de inundación das vivendas alí existentes con respecto á situación anterior.

“É necesario dar pasos para impulsar o desenvolvemento urbanístico de Paradai porque Lugo non se pode permitir non evolucionar como a cidade verde, sostible e ven comunicada que estamos a proxectar”, aseverou a rexedora, que sostivo que “aínda que o desbloqueo de hoxe é unha boa nova non deixa de ter un sabor agridoce xa que estamos a falar dun Plan que se deseñou xa no século pasado e no que cada ano a Xunta anunciaba nos seus orzamentos 450.000 euros para o seu remate, pero que nunca se executaban”.

Para poder solucionar o problema da rotonda, Confederación e Concello cofinanciarán este proxecto, no que a Administración local aportará o 25% e o organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico o 75% restante. Neste sentido, Lara Méndez agradeceu a etapa de sintonía e colaboración coa CHMS con Quiroga ao fronte “xa que as administracións debemos manter sempre unha leal colaboración en ben da cidadanía”.

José Antonio Quiroga avanzou que tras a firma do protocolo de hoxe, ambas as dúas administración se volverán a xuntar nun prazo de tres meses máximo para a sinatura do convenio xa cos detalles concretos do proxecto. “Hoxe formalizamos de novo o noso compromiso coa cidade de Lugo nunha actuación moi importante”, comentou o presidente da Confederación.

Unha vez que esta obra, que implicará actuar tanto canle arriba como abaixo do río cunha actuación que conlevará, ademáis, o axardinamento da zona, “a Xunta xa non terá máis escusas para non finalizar o Plan Paradai”, advertíu a rexedora a preguntas dos xornalistas.

Noticias relacionadas