O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente do Organismo da Cunca, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá o protocolo de colaboración.
O rexedor municipal sinala que “é un bo comezo para acometer as actuacións que precisa unha das zonas de maior actividade das vinculadas á contorna fluvial do Miño”.
O máximo responsable da CHMS explica que “a principal actuación consistirá na renovación do saneamento da rúa paralela ao canle do río, ao seu paso por Lugo”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración que permite avanzar na recuperación da contorna fluvial do Miño no termino municipal de Lugo, e en especial, na zona de Fermín Rivera. Ambos representantes institucionais amosaron a súa satisfacción pola sinatura deste acordo que supón dar os primeiros pasos para a futura posta en valor dunha das zonas de maior actividade das máis próximas ao canle fluvial e que atesoura un gran potencial.
Neste sentido, o rexedor lucense explicou que “hoxe damos os primeiros pasos para acometer a mellora dunha das zonas vinculadas ao río que dará continuidade a outras actuacións realizadas anteriormente e que favoreceron a posta en valor do entorno fluvial, que é, precisamente, unha das nosas sinais de identidade”.
Pola súa banda, o presidente da CHMS, salientou que este protocolo, paso previo ao convenio de colaboración, permitirá ao organismo de bacía a contratación dun estudo técnico de diagnose do estado do colector ubicado na rúa Fermín Rivera e, a partir de aí, redactar un proxecto que desenvolva a solución máis axeitada para evitar os actuais problemas de funcionamento do mesmo.
O protocolo de colaboración asinado esta mañá establece tamén a constitución dunha comisión de seguemento, composta por un representante da cada organismo, encargada de impulsar o posterior convenio e a materializar a colaboración entre o Concello e o Organismo da Cunca.
Por último, Miguel Fernández, agradeceu ao presidente do Organismo da Cunha a súa “sensibilidade con Lugo e a súa estreita colaboración neste e noutros proxectos, dirixidos a recuperar as contornas fluviais dos ríos ao seu paso por Lugo e a contribuír con elo a ese modelo de cidade verde, sostible e cohesionada, no que estamos a traballar”.
Audios
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a sinatura do protocolo do CHMS | Descargar mp3
- O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, sobre a sinatura do protocolo do CHMS | Descargar mp3




