A Alcaldía recibía o pasado 14 de xaneiro unha comunicación deste colectivo profesional na que, por acordo unánime da súa xunta directiva, solicitaba esta iniciativa.
Ao constatarse que a infraestrutura é de titularidade estatal, o Executivo local elevará ao Pleno a petición para enviarlla ao Goberno central co respaldo da Corporación.

O Goberno local elevará a sesión plenaría deste mes unha proposición conxunta asinada polo vice voceiro do Gurpo municipal Socialista, Pablo Permuy, e polo voceiro do Grupo municipal do BNG, Rubén Arroxo Fernández, para dar traslado ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible da proposta do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos para nomear a ponte de As Saamasas, que salva o leito do Miño ao seu paso polo municipio dentro do trazado da N-540, co nome do seu promotor e executor, Tomás Notario Vacas.
A Alcaldía do Concello de Lugo recibía o pasado 14 de xaneiro unha comunicación do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos na que, por acordo unánime da súa xunta directiva, solicitaba que se tomase en consideración nomear a ponte de As Saamasas co nome do seu promotor e executor, Tomás Notario Vacas, en recoñecemento aos seus méritos e vinculación coa cidade e provincia de Lugo.
Estudada esta solicitude, constatouse que dita infraestrutura non é de titularidade municipal senón que pertence ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, motivo polo cal o Executivo abordará a petición do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos no vindeiro Pleno de febreiro para enviarlla ao Goberno central co respaldo da Corporación.
A figura de Notario Vacas está estreitamente vinculada co desenvolvemento de infraestruturas clave para as e os lucenses e que, sendo desenvolvidas ao longo da segunda metade do século XX, non só están en pleno funcionamento senón que ademais representan proxectos icónicos para a nosa cidade relacionados estreitamente coa nosa identidade colectiva.


