O Concello de Lugo renova o mobiliario urbano das zonas verdes cun investimento superior aos 30.000 euros

Instaláronse novos elementos de madeira reciclada con alta resistencia, durabilidade e sen necesidade de mantemento.

As actuacións chegan ao Paseo do Miño, á Carballeira de Fingoi, ao xardín do Pazo de Feiras e á Praza do Castiñeiro.

O alcalde, Miguel Fernández, subliña que “seguimos mellorando os espazos naturais da cidade con actuacións que favorecen o uso público e a convivencia”.

Domingo, 06 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo renova o mobiliario urbano das zonas verdes cun investimento superior aos 30.000 euros

O Concello de Lugo está a renovar o mobiliario urbano de diferentes zonas verdes da cidade mediante a instalación de novos elementos de madeira tecnolóxica reciclada, cun investimento global que supera os 30.000 euros.

“Estas actuacións axudan a poñer en valor os espazos naturais da nosa cidade, creando contornas máis accesibles, coidadas e preparadas para o desfrute colectivo”, explicou o alcalde de Lugo, Miguel Fernández.

O rexedor puxo en valor esta intervención “como un paso máis na nosa aposta por coidar e mellorar os espazos naturais de Lugo, con actuacións que favorecen o seu uso público, a convivencia e o desfrute do lecer ao aire libre”.

O novo equipamento consiste en elementos conxuntos de mesa e bancos, especialmente deseñados para contornas naturais, que ofrecen unha elevada resistencia ao desgaste, están fabricados con madeira técnica reciclada (WPC) e non requiren mantemento. Trátase dun material de alta durabilidade, inmune ao ataque de fungos e insectos, cunha textura agradable e un comportamento estable ante a humidade e os cambios de temperatura.

En total, instaláronse 18 unidades distribuídas en catro localizacións da cidade: o Paseo do Miño (6), a Carballeira de Fingoi (4), o xardín do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo (4) e a Praza do Castiñeiro (4). No caso do Miño, a renovación incluíu a substitución de elementos deteriorados na contorna da ponte branca e a incorporación dunha nova unidade na zona próxima á pasarela de madeira, ao carón da rotonda de Alfonso X.

A dotación completarase con outras cinco unidades encargadas que quedarán en almacén para futuras reposicións ou novas localizacións. En total, Lugo disporá de 25 conxuntos de mobiliario urbano especialmente pensados para mellorar a funcionalidade e o confort das súas zonas verdes.

Multimedia

  • O Concello de Lugo renova o mobiliario urbano das zonas verdes cun investimento superior aos 30.000 euros

Noticias relacionadas