O Concello de Lugo recolleu máis de 2.100 quilos de aceite doméstico nos puntos de reciclaxe da cidade

Martes, 17 de novembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, fixo hoxe balance do Plan de Recollida de Aceites que o Concello de Lugo puxo en marcha o pasado mes de xullo. Neste acto estivo acompañado por un representante da cadena de supermercados Eroski en Lugo que colabora coa campaña de recollida.

A empresa PMA (Protección Medio Ambiental) recolleu xa un total de 2.125 quilos de aceite nos 30 colectores situados en diferentes supermercados da cidade: Erosky que recolleu 925 quilos, Carrefour que recolleu 500 quilos, Cemar que recolleu 475, Froiz que recolleu 175 e a Praza de Abastos na que se recolleron 50.

O Concello repartiu de maneira gratuíta 24.000 embudos para que os cidadáns depositen o aceite de cociña utilizado nos contedores habilitados nos supermercados e que este poida ser reutilizado.

O Concelleiro lembrou que o obxectivo desta iniciativa do Concello é facilitar á cidadanía unha forma ecolóxica e non contaminante para desfacerse do aceite usado, un gran contaminante da auga ao formar unha película de grasa na superficie e que dificulta enormemente o seu proceso de depuración. González Dopeso pediu aos lucenses a súa colaboración neste proceso e reducir así ao mínimo os danos medioambientais que producen o desfacerse do aceite mediante os desagües. “ A petición do Concello é que os lucenses sigan colaborando con nós e nos axuden a mellorar o funcionamento da depuradora”, indicou.

Este aceite reciclado pódese reutilizar para a fabricación de biodiesel, un biocarburante con baixas emisións de CO2. Por cada litro de aceite tratado obtense case un litro de biodiesel.

Multimedia

Noticias relacionadas