O Concello de Lugo prepara unha nova edición do Plan de Inserción Laboral e Emprego Social que beneficiará a 30 desempregados

Martes, 26 de xaneiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, entregaron esta mañá os diplomas aos participantes no plan PILES 2009.

O Alcalde agradeceu o labor realizado polos participantes no proxecto nas diferentes áreas coa que se beneficiará o conxunto da poboación. López Orozco indicou que “mentres teñamos a oportunidade de colaborar co mundo do traballo sabede que non ides a estar sós”, e engadiu que “xa se está a preparar unha nova edición do Plan PILES para o ano 2010”.

Esta edición, desenvolvida entre xuño e decembro de 2009, contou coa participación dun director ou xefe de obra, unha auxiliar administrativa, unha encargada de paisaxismo, un encargado de medioambiente, un encargado de albanelaría e 26 peóns de albanelaría e xardinería.

O plan, que está financiado integramente polo Concello, contou cun orzamento de 500.000 euros para os salarios dos participantes e 35.000 para material.

Os grupos de traballo dividíronse en diferentes áreas:
- Medio Ambiente: que realizaron traballos de mantemento na zona rural, na zona urbana e no Parque de Paxariños. En total foron 13 peóns e dous encargados para a realización destas labores en diferentes zonas verdes: Castelo, Galegos, Ceao, Abella, A Louzaneta, Conturiz, As Gándaras, Albeiros, Ronda interior, Paradai, contorna do río Miño, e un bo número de rúas da zona urbana da cidade.

- Infraestruturas: realizaron diferentes traballos:
- Reparación de pavimentos de beirarrúas e reposición de bordillos de formigón.
- Consolidación de firmes
- Colocación de tapas de fundición en pozos de saneamento ou arquetas de instalacións existentes.
-Consolidación de peldaños de granito en escaleiras exteriores
- Obras en beirarrúas para dotar de acceso adecuado aos vados de acceso a garaxes solicitados ao Servizo de Vías e Obras.

As rúas nas que este grupo estivo a traballar e a realizar melloras foron: Rúa Trapero Pardo, Rúa da Saúde, Rúa premio Nóbel de Ochoa, Rúa da Pomba, Rúa Montefaro, Avenida Infanta Elena e inmediacións do Parque da Milagrosa, Rúa República Arxentina, Ronda de Fingoi, Rúa Agro da Torna, Zona grupo La Paz, Calzada Romana, Estrada da Granxa, Escaleiras da Praza de Augas Férreas, Avenida de Magoi, Rúa Santo Grial, patio central do antigo Cuartel de Garabolos e adecuación dos locais na pranta primeira da nave de Vías e Obras.

O PILES está destinado a aquelas persoas que se atopan con maiores dificultades para atopar emprego. O Plan PILES pretende reactivar o mercado laboral, ao tempo que se contribúe na mellora e mantemento da cidade e do seu contorno, tanto no centro, como nos barrios e na zona rural.

Nesta edición, o PILES ofreceu un contrato laboral a 30 persoas que desenvolveron o seu traballo en diferentes puntos da cidade co fin de mellorar a zona urbana, no rural, acondicionando camiños e pistas a través do seu desbroce e na ampliación do Parque de Paxariños.

No PILES participaron as persoas desempregadas que figuraban inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, empadroados no Concello e que pertencían a algún dos seguintes grupos: persoas con discapacidade que lles permita desenvolver as tarefas propias de mantemento de espazos públicos, homes e mulleres maiores de 35 anos ou inmigrantes con permiso de traballo e residencia.

A duración dos contratos, aos que o Concello destinou unha contía de preto de 500.000 euros, estendeuse ata decembro de 2009.

Multimedia

Noticias relacionadas