O Concello de Lugo pon a disposición dos usuarios o aparcadoiro do campo de fútbol das Gándaras tralas obras de mellora e adecuación

O alcalde, xunto á veciñanza do barrio, visitou o estacionamento tras o fin das obras nas que o Goberno Local investiu uns 15.000 euros.

Miguel Fernández puxo en valor o traballo do edil de Deportes para lograr a cesión do uso dos terreos, por parte da Subdelegación de Defensa, e executar en solitario a súa reforma.

O rexedor municipal quixo destacar as xestións e trámites realizados para dar resposta á demanda dos equipos e dos usuarios destas instalacións deportivas.

Martes, 09 de setembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo pon a disposición dos usuarios o aparcadoiro do campo de fútbol das Gándaras tralas obras de mellora e adecuación

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou esta mañá o aparcadoiro do campo de fútbol das Gándaras, unha vez que o Concello de Lugo, a través da área de Deportes, acometeu en solitario as obras de mellora e remodelación. Remata así un proceso que comezou en xaneiro de 2024, data na que a citada Concellería iniciou as reunións, conversas e negociacións coa Subdelegación de Defensa para conseguir a cesión do uso destes terreos. Ademais, segundo explico o alcalde, Miguel Fernández, o importante é que “con este traballo dimos por fin resposta á demanda dos clubs e equipos que adestran nestas instalacións deportivas, executando en solitario unhas obras nas que investimos 15.000 euros”.

O rexedor municipal sinalou que “unha vez conseguida a cesión temporal do uso dos terreos, por parte da Subdelegación de Defensa, completamos os trámites para a licitación dos traballos de mellora o pasado día 11 de agosto, e executar estas obras de acondicionamento, para poñer o aparcadoiro a disposición dos clubs no arranque da tempada de fútbol”. 

Neste sentido, o alcalde agradeceu o labor de Jorge Bustos, edil de Deportes, que foi quen de iniciar hai máis de ano e medio as conversas coa Subdelegación de Defensa, como enlace co Ministerio de Defensa, propietario dos terreos próximos ao campo de fútbol das Gándaras, empregados como zona de estacionamento.

Os trámites iniciados en xaneiro do 24 culminaron en febreiro deste ano, nun acordo entre a Concellería de Deportes e o Ministerio de Defensa para adecuar os terreos, pendentes de certificación urbanística, que se obtivo en maio pasado, o que permitiu legalizar o estacionamento. Ese mesmo mes formalizouse a cesión temporal, ao chegar a un acordo o Concello de Lugo con Defensa despois do proceso negociador, e posteriormente abriuse o procedemento para a licitación e a execución das obras con fondos municipais.

Na súa visita a estas instalacións, xunto a varios veciños e veciñas do barrio e técnicos municipais da área de Deportes, Miguel Fernández sinalou que estas actuacións nas que se investiron uns 15.000 euros, “van dar un importante servizo aos seis clubs de fútbol que adestran neste campo, durante todas as tardes da semana laboral, das catro ás once da noite, ao tempo que veñen a complementar as obras de ampliación da cuberta do campo 2, para aumentar a capacidade da zona de grada do público asistente aos partidos”.

Hai que lembrar que ditas instalacións deportivas serven non só de lugar de adestramento para os citados clubs, senón que na fin de semana, o campo de fútbol das Gándaras acolle as competicións recibindo ao resto de equipos da cidade, nas ligas locais, e da comunidade autónoma, nas ligas galegas, o que supón que durante os sábados e domingos, poden chegar a celebrarse ata 15 encontros, tanto de fútbol 8 como de fútbol 11.

Multimedia

  • O Concello de Lugo pon a disposición dos usuarios o aparcadoiro do campo de fútbol das Gándaras tralas obras de mellora e adecuación
  • O Concello de Lugo pon a disposición dos usuarios o aparcadoiro do campo de fútbol das Gándaras tralas obras de mellora e adecuación
  • O Concello de Lugo pon a disposición dos usuarios o aparcadoiro do campo de fútbol das Gándaras tralas obras de mellora e adecuación

Noticias relacionadas