O Concello de Lugo anuncia o comezo da obra da nova praza da Milagrosa

Venres, 22 de xaneiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, anunciou esta mañá en rolda de prensa que o luns da vindeira semana comezarán as obras da praza nova da Milagrosa situada nas catro unidades de actuación que se están a desenvolver na zona.

A urbanización está practicamente rematada a excepción de 4.200 metros cadrados que supoñen a praza e que afecta ás catro unidades de actuación conxuntamente.

“Esta praza, tan desexada pola cidadanía, sobre todo dos veciños e veciñas da zona, contará cun investimento de 160.000 euros, superando o investimento inicial contemplando no proxecto orixinal contemplado na licenza”, indicou o edil.

A propiedade das unidades de actuación realizará as obras de estruturación e pavimentación de acordo co proxecto deseñado conxuntamente co Concello de Lugo co obxectivo de que sexa un espazo atractivo e funcional. “Queremos que de servizo á cidadanía ao longo de todas as estacións do ano e que no mes de setembro poda ser utilizada para albergar as festas da Milagrosa”, afirmou.

Piñeiro explicou que o deseño da praza é rectangular, cun pavimento de formigón impreso, zonas verdes ao redor e acceso por tres puntos diferentes. Ademais, o Concelleiro indicou que “a pendente do terreo nesta zona obriga a facer unhas escaleiras que serán plataformas que irán dando entrada á praza e que poderán utilizase como zonas de estar”.

O Concelleiro concluíu que “o máis importante é que a praza da Milagrosa comece a construírse e nun prazo de 3 a 4 meses estará rematada para poder recibir as obras de urbanización desta zona e abrir todo este espazo a uso e disfrute de todos os cidadáns, resolvendo un problema de mobilidade que tiñamos nesa zona”.

Novo hospital
Por outra banda, o Concelleiro aproveitou a súa comparecencia ante os medios para aclarar que “a apertura do Novo Hospital de Lugo atáñelle á Consellería de Sanidade, que non debe desviar a responsabilidade ao Concello”. Piñeiro indicou que o Concello ten rematadas todas as obras que lle correspondían.

En canto á licenza de actividade da subestación, explicou que se está a tramitar seguindo os procedementos administrativos correspondentes, e “coa maior rapidez posible”, e engadiu, “se alguén é responsable do retraso da apertura do centro sanitario é a Consellería que non ten os equipos”.

Multimedia

Noticias relacionadas