O Concello de Lugo ampliará o Parque Marcos Cela con 8.000 metros cadrados máis de zona verde e miradores cara o río Miño

Mércores, 04 de febreiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, presentou o proxecto de ampliación da zona verde de Marcos Cela situada no barrio de Acea de Olga. Trátase dunha ampliación de 8.000 metros cadrados de zona verde que se unen ás tres hectáreas coas que xa contaba este Parque.

González Dopeso explicou que se trata “dunha actuación suave sobre a paisaxe, na que se respecta ao máximo a historia desta zona da cidade”. Na Idade Media había unha prantación de vides que hoxe se recupera, con 45 novos exemplares. Ademais incorpóranse 16 castaños de idade adulta que se prantarán nos meses de setembro e outubro.

Este proxecto inclúe unha pasarela de 45 metros, feita en madeira e que unirá o parque coa Volta da Viña

Son 8000 metros cadrados de ampliación nos que haberá 6 miradores cara ao río Miño, feitos de pedra caliza, material que permitirá  a integración plena coa paisaxe. Haberá tamén dúas fontes e paseos de 2 metros de ancho, feitos con pavimento fexible aglomerante de fibra de vidro e áridos similares aos da Praza Maior, que garanten unha boa conservación e un barato mantemento. Lino González Dopeso, explicou que será “unha zona de lecer para todos os lucenses na que se respectará a integración das zonas verdes coa cidade”.

Este parque, estará ademais moi próximo ao Auditorio que construirá a Xunta de Galicia nunha parcela próxima.

O orzamento total deste proxecto, que forma parte das 79 actuacións que o Goberno local inclúe no Fondo Estatal de Investimentos Locais, é de 322.955,79 euros e o prazo de execución de 8 meses.

Multimedia

Noticias relacionadas