O Concello avanza na modificación da Unidade de Actuación CS – 5 para converter en zona verde as costas do Parque

A asistencia técnica que realizou o estudo de alternativas da URPI 58 entrou xa na fase de recopilación de documentación para que a Consellería de Medio Ambiente proceda á avaliación ambiental estratéxica da opción escollida.

Paralelamente, a Administración mantén informado ao TSXG dos pasos dados para a execución da sentenza que obriga á reposición da legalidade urbanística na parcela.

A área de Medio Ambiente instará, pola súa parte, á promotora do Garañón a limpar, de novo, o soar que logo dun ano dende a anterior, precisa doutra roza.

Xoves, 18 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello avanza na modificación da Unidade de Actuación CS – 5 para converter en zona verde as costas do Parque

O Concello de Lugo segue a dar pasos para avanzar na modificación da Unidade de Actuación CS – 5 co obxectivo de converter en zona verde as costas do Parque.

Logo de aprobar en Xunta de Goberno a edificabilidade cero da parcela que ocupa o Garañón, como solución máis acaída para este ámbito (xa que é tamén a que, en base ao análise realizado, conleva a menor incidencia económica e o menor impacto visual posible), a empresa adxudicataria da asistencia técnica que elaborou o estudo de alternativas da URPI 58 (PXOM) entrou xa na Fase I dos traballos, consistentes na recompilación da documentación que logo será remitida á Consellería de Medio Ambiente para a súa avaliación ambiental estratéxica.

“As áreas de Urbanismo, Arquitectura e Enxeñería atenderon neste tempo as peticións da adxudicataria facilitándolle a información requirida, como informes técnicos que integraban o expediente, cos que se dá soporte á determinación do Executivo local de cambiar o PXOM, tal e como indicou o TSXG, pero camiñando, ademais, cara o obxectivo de que o cinto verde que constitúen o parque de Rosalía de Castro e o Miño teña continuidade neste punto da capital dunha forma harmonizada coa contorna”, explicou Paula Alvarellos.

Precisamente, a tenente de alcaldesa lembrou que a opción escollida presenta, fundamentalmente, dúas vantaxes: a ampliación do sistema xeral de zonas verdes das costas do Parque e que as administracións implicadas darían, así, a súa conformidade á tramitación e aprobación definitiva da modificación puntual que se pretende, xa que a diminución do impacto visual era un dos condicionantes principais establecidos por Patrimonio.

Alvarellos Fondo referiu, alén, que a asistencia técnica abrangue un total de 6 fases de traballo que comprende todo o procedemento, “entre as que se inclúe dende a presentación inicial das alternativas até a entrega do Estudo Ambiental Estratéxico e tamén do proxecto de modificación puntual do PXOM preparado xa para a súa aprobación inicial e mesmo a elaboración da documentación necesaria para a publicación dos anuncios da súa aprobación definitiva”.

Paralelamente, a Administración local mantén informado, de forma periódica, ao TSXG dos pasos dados na execución da sentenza que obriga á reposición da legalidade urbanística desta Unidade, “para que teña constancia dos avances que se van materializando neste obxectivo”, ao tempo que a área de Medio Ambiente ten en trámite un expediente de orde de execución instando á propiedade a realizar unha nova limpeza da maleza existente soar, logo da acometida en agosto de 2020 e coa finalidade de acondicionar o predio para que o seu estado non derive nun foco de insalubridade.

Audio

  • A edil Paula Alvarellos, sobre os avances de modificación da CS – 5 | Descargar mp3

Noticias relacionadas