O Concello amplía a rede de saneamento no núcleo de Pena da Mula para chegar á totalidade das vivendas do núcleo

Manuel Núñez informou este mércores desta actuación, que conta cun orzamento de preto de 48.000 euros

A entidade local vén de instalar 4 puntos de luz no barrio de Casás e outro na Louzaneta, a petición da veciñanza

Mércores, 07 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello amplía a rede de saneamento no núcleo de Pena da Mula para chegar á totalidade das vivendas do núcleo

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, anunciou este mércores as obras que o Concello acometerá no núcleo da Pena da Mula, en Piúgos, para ampliar o saneamento nesta zona. Trátase dunha actuación cun orzamento de preto de 48.000 euros que permitirá que este servizo público chegue á totalidade das vivendas do núcleo, posto que ata a actualidade soamente dispoñían de saneamento as vivendas emprazadas nas imediacións da estrada LU-612, de Lugo a Portomarín.

Tal e como explicou o edil, a nova rede de canalización comezará na estrada provincial LU-P-2906 e irá polo lado dereito da calzada, na cuneta existe, dunha profundidade considerable. Deste xeito evítase ter que realizar escavacións, que incrementaría a dificultade debido á presenza de sustratos rocosos na zona. Ademais, deste xeito redúcese a afección á estrada provincial, e facilítase a realización de acometidas.

Por outra banda, debido á gran pendente existente, construiranse uns 4 pozos de resalto, para reducir a velocidade das augas. Por riba de saneamento, disporase a cuneta remontable formigonada, para recoller as augas pluviais. Deste xeito, a rede proxectada será unicamente de saneamento.

Este ramal entroncará co centro do núcleo, a través de dúas vías de titularidade municipal. Nestas dúas estradas, a rede de saneamento irá polo centro, a unha profundidade de 1 metro. Unha vez que o trazado supere as últimas vivendas do núcleo, realizarase un cruce de calzada, para levar o tubo pola marxe esquerda da estrada provincial. O trazado seguirá nesta marxe ata alcalznar o pozo de rexistro. Non se executará neste pozo directamente, senón que se fará noutro a unha distancia de 2 metros.

Esta mellora no saneamento súmase a outras que o Concello vén de acometer na cidade, como en  Recatelo, Ramón Montenegro ou Armanyá.  

Puntos de luz en Casás e na Louzaneta

Por outro lado, Núñez adiantou que o Concello instalou 4 puntos de luz no barrio de Casás e outro na Louzaneta, a petición dos veciños e veciñas, dado a que eran zonas de sombra, para garantir a  seguridade.

Audio

Noticias relacionadas