O Concello agarda poder licitar antes de que remate o ano o arranxo das máis de 200 deficiencias coas que foi entregado o Auditorio

Paula Alvarellos, avanzou hoxe que o proxecto que recolle as solucións aos danos que presenta o inmoble se atopa xa moi avanzado.

A Administración local optou por suspender o contrato e adxudicalo de novo debido aos adiamentos inxustificados nos que incorría a empresa anterior.

Dende que foi recibido o edificio o Concello mantén unha supervisión constante sobre o seu estado de conservación.

Xoves, 18 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello agarda poder licitar antes de que remate o ano o arranxo das máis de 200 deficiencias coas que foi entregado o Auditorio

A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, avanzou hoxe que o proxecto para proceder ao arranxo das deficiencias que presenta o novo Auditorio de Magoi poderá saír a licitación antes de que finalice o ano, “tendo en conta o avanzada que se atopa a súa elaboración”.

O Concello de Lugo decidiu suspender o contrato coa empresa adxudicataria anterior debido ás continuadas demoras nas que incorría á hora de incorporar as consideracións dos técnicos municipais ao respecto das solucións máis acaídas para emendar as máis de 200 eivas coas que foi entregado o inmoble.

“Nestes momentos o proxecto se atopa case finalizado polo que agardamos poder abrir o procedemento de contratación dos traballos antes de que remate o 2021 co obxectivo de que as obras estean executadas antes do próximo verán”, anunciou a tenente de alcaldesa.

A responsable da área de Patrimonio lembrou que “a maioría dos problemas detectados son froito, segundo os informes técnicos, tanto de problemas construtivos como da falta de mantemento que padeceu a dotación dende que rematou a obra e ata ser recibida polo Concello”.

Atinxen a cuestións relacionadas fundamentalmente coa aparición de filtracións, defectos de relevancia nos sistemas de protección contra incendios e mesmo nas instalacións de gas, ventilación, etc, alén de nos propios acabados que ten como exemplo máis evidente a rotura dunha das fiestras da fachada, cuxa reparación se sufragará con cargo ao seguro en vigor.

Paula Alvarellos incidiu, igualmente, en que a Administración local mantén unha supervisión constante sobre o estado do edificio dende a súa recepción, “a través de diferentes visitas de control que nos permiten comprobar o grao de conservación dos equipamentos como ascensores, sistemas de alarma e mesmo da climatización”.

A edil indicou, así mesmo, que o Concello de Lugo destina en torno a unha media de 3.650 euros mensuais a facer fronte aos consumos de electricidade desta infraestrutura cultural, “unha cantidade que se prevé pode duplicarse cando estea en marcha, xa que non foi pensado nin deseñado en clave de eficiencia enerxética”, lamentou.

As primeiras estimacións económicas apuntan a que a Administración local terá que investir máis de 400.000 euros no arranxo do Auditorio para poder poñelo en funcionamento con total seguridade para as e os usuarios.

Noticias relacionadas