A Xunta de Goberno Local autorizaba hoxe a contratación do servizo de redacción á empresa Proyestegal por un importe total de 142.114€.
A alcaldesa, Lara Méndez, destacou que as intervencións pretenden mellorar a calidade de vida da cidadanía incidindo directamente na mellora da calidade do aire, a través da creación de zonas de baixas emisións.
“As tres actuacións previstas suporán un antes e un despois para a mobilidade e a configuración urbanística do recinto amurallado, sempre baixo a premisa de humanizar e renaturalizar todo o posible esta contorna”, afirmou a rexedora.

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar esta mañá a redacción dos tres proxectos construtivos enmarcados na estratexia municipal Zero: Corazón Verde co que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pretende acometer a peonalización do 15% do Centro Histórico para convertelo nunha Zona de Baixas Emisións (ZBE).
Unha ambiciosa estratexia, para a que o Concello recorreu aos fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
“O noso principal obxectivo – lembrou a rexedora – non é outro que mellorar a calidade de vida da cidadanía incidindo directamente na mellora da calidade do aire para mitigar até un 40% as emisións dos gases de efecto invernadoiro que orixinan os 37.000 vehículos que circulan á semana por esta contorna e que alcanzan as 409’71 toneladas de CO2 anuais”.
Trátase, segundo incidiu Lara Méndez, de “acadar un municipio máis resiliente ao cambio climático a través dunha mobilidade e dun urbanismo sostible. De poñer en marcha actuacións que nos permitan gañar espazos para a veciñanza, reducindo o tráfico, renaturalizando e humanizando as prazas e rúas co fin de diminuír a contaminación atmosférica e acústica, minguando as consecuencias prexudiciais que teñen sobre a saúde da poboación e que tamén afectan á conservación do patrimonio histórico e artístico da capital”, referiu a alcaldesa ao tempo que subliñou o impacto tan positivo que terá sobre a dinamización económica e social para o conxunto da cidade e, especialmente, para o recinto amurallado.
Con esas premisas, a empresa Proyestegal SL será a encargada de realizar os proxectos para as tres intervencións previstas.
- Proxecto 1. Cun custo de 57.019 €, abrangue a peonalización entre a porta de Bispo Odoario e a Praza do Ferrol. Neste caso, o equipo redactor terá 15 días para elaboralo.
- Proxecto 2. Cun orzamento de 47.288 €, comprende unha parte do denominado Corazón verde entre Murallas e afecta de forma concreta á Praza do Ferrol. Neste caso, a adxudicataria dispón dun mes para entregalo.
- Proxecto 3. Tamén cun mes de prazo de execución, atende á zona incluída entre a Praza de Santo Domingo e a rúa do Teatro. Contará cun investimento de 37.805 €.
A rexedora lucense apuntou que, xunto aos cambios que se agardan na mobilidade e que pasan por favorecer a circulación peonil restrinxindo ao máximo as dobres direccións en favor dun único sentido, e mesmo eliminando o paso de vehículos no tramo que discorre por diante do Cuartel de San Fernando, as actuacións suporán, alén, unha importante transformación urbanística que se traducirá en novos espazos estanciais e na reestruturación das zonas axardinadas ás que se incorporará, igualmente, novo mobiliario urbano que se integrará na paisaxe, “pensando sempre nas persoas usuarias e na súa comodidade pero en consonancia coa importancia arquitectónica dos edificios tan emblemáticos que acolle”, concluíu Méndez.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a adxudicación do proxecto "Corazón Verde" | Descargar mp3