O Arde Lvcvs une Oviedo e Lugo

Lara Méndez e Carmen Basadre achegáronse este mércores ao Auditorio Príncipe Felipe para presentar esta festa de recreación histórica, que na pasada edición congregou na cidade a 600.000 persoas

“Se o Arde Lvcvs é o que é e chegou a onde chegou en tan pouco tempo é por mor da participación social”, asegurou a Alcaldesa, quen lembrou que esta cita aspira a ser Festa de Interese Turístico Nacional

Mércores, 08 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Arde Lvcvs une Oviedo e Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañadas polo Concelleiro de Economía e Emprego de Oviedo, Ruben Rosón, e custodiadas por membros da Guardia Pretoriana, presentaron este mércores no Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo o Arde Lvcvs MMXVI.

Durante o acto de presentación, a rexedora convidou aos máis de 220.000 veciños e veciñas de Oviedo e a todos os asturianos a descubir o pasado romano de Lugo dende a tarde do vindeiro xoves ao domingo 19 de xuño, para celebrar xuntos aos lugueses a décimo quinta edición destes festexos de recreación histórica, “un dos emblemas da nosa cidade, que o pasado ano congregou a máis de 6000.000 persoas, cun retorno económico superior aos 6 millóns de euros”, tal e como avanzou Lara Méndez.

A Alcaldesa, quen lembrou que o Arde Lvcvs foi declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2011 e que aspira a conseguir o distintivo de Festa de Interese Turístico Nacional este mesmo ano, puxo en valor o “plus” do Arde Lvcvs con respecto a outros festexos de recreación histórica, a implicación cidadá e a movilización social. Neste senso, Lara Méndez destacou a creación de 17 asociación e 2 grupos que naceron ao redor desta cita, e que traballan man con man co Concello na organización e celebración desta cita, cunha gran rigorosidade. “Se o Arde Lvcvs é o que é e chegou a onde chegou en tan pouco tempo é por mor da participación social”, asegurou a rexedora, ao tempo que subliñaba os beneficios desta ambientación para a cidade, que deixa ver o patrimonio de Lugo, cos seus tres Bens Mundiais, a Muralla, a Catedral e o Camiño de Santiago, así como a riqueza paisaxística e gastronómica.

Para conquistar aos veciños e veciñas de Oviedo, Méndez avanzoulles algunha das máis de 400 actividades por toda a cidade que engloba esta décimo quinta edición do Arde Lvcvs, 50 delas totalmente novas. Así lembrou o éxito que ano tras ano acada o Circo Romano, ou tanto o desfile de tropas pola Ronda a Muralla coma o dos colexios. Neste senso tamén incidiu Basadre, quen deu conta das numerosas actividades que forman parte do programa oficial do Arde Lvcvs, como o musical de Hércules, unha comida de confraternidade, a entrada das lexións pola Ponte Romana, ou vodas celtas e romanas. “O mellor para coñecer como Lugo se volve unha cidade máxima e vivilo en directo” afirmou Basadre, ao tempo que anunciaba os descontos concertados entre o Concello e Alsa, Renfe e Arriva para os que se acheguen nesas datas á cidade.

Pola súa banda, Rosón agradeceu ao Concello por achegarse a Oviedo a presentar estas festas, que definiu como “unha caixa de recordos do pasado”. O Concelleiro tamén puxo en valor celebracións do tipo do Arde Lvcvs, “que unen culturas e pobos, mantendo viva a súa identidade”, ao tempo que subliñou o “traballo titánico” de Concello e asociacións para que ano tras ano se celebren estes festexos.

“O Arde Lvcvs é un exemplo da boa praxis dunha institución como o Concello de Lugo que con estes festexos poñen a Lugo no mapa”, destacou o Concelleiro, quen desexou que non se apague o lume por moitos anos.

Audios

  • Alcaldesa de Lugo, sobre a presentación do Arde Lvcvs en Oviedo |Descargar mp3
  • Concelleiro de Oviedo, sobre a presentación do Arde Lvcvs en Oviedo |Descargar mp3

Multimedia

  • O Arde Lvcvs une Oviedo e Lugo

Noticias relacionadas