O Concello de Lugo mantén unha liña de diálogo permanente co tecido asociativo da cidade para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades neurodexenerativas e apoiar ás súas familias e coidadores.
“A atención ás persoas con Alzheimer e outras demencias é un compromiso prioritario para nós, e colaborar con AFALU axúdanos a orientar as políticas locais de benestar e prevención”, sinalou o alcalde de Lugo.

O alcalde, Miguel Fernández, recibiu na Casa do Concello á presidenta de AFALU, Mª Carmen Pena Ledo, nun encontro no que abordaron as principais necesidades das persoas afectadas por demencias neurodexenerativas e das súas familias.
“A visibilización do traballo destas entidades é fundamental para que toda a sociedade comprenda o impacto destas doenzas e a importancia de contar cunha rede de apoio forte e ben estruturada”, destacou tamén o rexedor.
AFALU é unha entidade de referencia en Lugo na atención ás persoas con Alzheimer e outras demencias, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e a das persoas coidadoras. Ofrece servizos terapéuticos, estimulación cognitiva, atención sanitaria e programas de apoio familiar, entre outros.
Miguel Fernández agradeceu o labor da asociación e puxo en valor a importancia de manter abertos espazos de colaboración para avanzar cara a unha cidade máis xusta, inclusiva e comprometida co benestar da cidadanía.

